Poio estreará unha acta para rexistrar os posibles casos de violencia machista

A medida axudará a axilizar as consultas e a petición de medidas cautelares en favor das vítimas
Katerina Pena, autora das novas actas,  Antonio Duarte e Marga Caldas, de esquerda á dereita, este venres. DP
photo_camera Katerina Pena, autora das novas actas, Antonio Duarte e Marga Caldas, de esquerda á dereita, este venres. DP

A Policía Local de Poio conta desde hai uns días cunha nova ferramenta que pode axudar a evitar casos de violencia de xénero. Trátase dunha acta de campo que os axentes poderán utilizar para recabar datos 'in situ' na súa primeira asistencia no lugar no que sexan requeridos ante unha posible agresión machista ou doméstica. Este documento incluirase na plataforma XesPol, a través da cal a Policía de Poio xestiona as diferentes actuacións que leva a cabo no seu día a día.

A nova acta foi impulsada por Katerina Pena, que mantivo esta semana un encontro co máximo responsable do corpo de seguridade poiense, Antonio Duarte, e coa concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, para explicarlles os detalles desta iniciativa.

Todos eles salientan a necesidade de que as autoridades poidan documentar canto antes calquera tipo de alerta que se poida producir nun domicilio e que, grazas a esta ferramenta, pode ser rexistrada "por moi pequena que sexa".

Esta primeira guía de actuación busca que a intervención dos axentes resulte "máis eficaz e eficiente se cabe". Os policías poderán descargar a plantilla desde XesPol e obter toda a información necesaria. Ao completarse o informe, o corpo de seguridade pasará a ter constancia dos detalles do suceso, así como os datos da alerta, das persoas presentes no lugar dos feitos, da vítima ou das medidas asistenciais e de protección que se poden outorgar.

"Esta acta é coma un atestado completo, xa que facilita aos axentes dispor de todos os datos na primeira intervención", indicou Duarte, que engadeu que "é unha ferramenta que pode resultar decisiva á hora de previr un posible caso de violencia de xénero, xa que, grazas a ela, quedará rexistrada calquera tipo de incidencia, como unha discusión doméstica. A partir de agora, poderemos actuar antes de que se produza unha denuncia ou que a situación pase a maiores", apuntou.

Pola súa banda, Katerina Pena sinalou que a acta de campo axudará a que os axentes poidan realizar a primeira resposta documental e de trámite ante unha posible situación de violencia doméstica ou de xénero. "Existía unha necesidade de incorporar á nosa plataforma aqueles documentos e informes que, de ser precisos, puidesen ser instruídos polos efectivos policiais", engade a coautora de XesPol, que agradeceu a implicación tanto da Policía Local de Poio como das xefaturas que colaboraron no desenvolvemento deste documento, así como a Fiscal Delegada para a Violencia sobre a Muller en Galicia polas súas achegas e á Fiscal de Sala contra a Violencia sobre a Muller polas súas consideracións.

Marga Caldas lembrou que Poio xa foi un concello pioneiro no uso da plataforma Xespol, algo que se repite coa utilización da acta. Cadas fixo fincapé na necesidade de que se denuncien os casos que se produzan de violencia de xénero, para os que "a Policía Local conta co persoal, a impliación e as instalacións necesarias", afirmou. Ademais, adiantou que o Concello continuará formando aos axentes neste ámbito con novos cursos.

Comentarios