Poio estuda cancelar as súas contas en Abanca se se pecha a oficina de Campelo

O Concello solicitará unha reunión cos responsables comarcais para «esixir» que se manteñan operativas as actuais sucursais e pedir a instalación dun caixeiro en Raxó
A sucursal de Abanca en Campelo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera A sucursal de Abanca en Campelo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, presidiu onte a Xunta de Portavoces extraordinaria na que se abordou a situación de Campelo tras o anuncio por parte da entidade Abanca de pechar a oficina que ten no lugar a partir do vindeiro mes de setembro, e pola que todos os grupos acordaron por unanimidade emprender actuacións que "fagan reconsiderar a Abanca esta decisión desafortunada". Así, o Concello estudará a opción de dar de baixa todas as contas que actualmente mantén operativas na entidade.

Ademais, todos os voceiros dos grupos da Corporación presentes na reunión, na que participaron Xulio Barreiro (BNG), Chelo Besada (PSOE), Silvia Díaz (Avante) e Ángel Moldes (PP), coincidiron en solicitar unha reunión con responsables territoriais de Abanca, para instar a que a entidade manteña operativas todas as oficinas das que dispón actualmente no municipio, así como para solicitarlles novamente a instalación dun caixeiro automático en Raxó.

Os catro grupos da Corporación coincidiron en valorar que o peche de Abanca en Campelo suporá "un importante prexuízo" para numerosos clientes dunhas oficinas situadas na rúa Pedro Soto Couselo, na que "día tras día se rexistra unha importante actividade". Así, a intención do Goberno local é "frear as intencións da firma". "É un desmantelamento que non é de recibo e que aquí en Poio xa o vivimos hai uns anos co peche das instalacións da oficina de Raxó, que nin sequera dispón de caixeiro automático cando é un referente turístico", advertiron os dirixentes municipais que, no caso de Campelo, lembran que "estamos a falar dun núcleo no que hai unha importante actividade social, laboral e empresarial, sendo un referente do sector do mar". Precisamente, o Concello tamén ten previsto convocar un encontro con agrupacións e colectivos como a Cofraría de Pescadores, a lonxa e diferentes agrupacións do tecido de Campelo para abordar esta situación. "A nosa veciñanza merece un trato digno por parte de Abanca", afirmaron.

O Goberno local convocará un encontro con agrupacións e colectivos como a confraría de Pescadores e a lonxa

Estas actuacións forman parte do paquete de medidas que dende o Goberno local pensan emprender para evitar o peche da oficina, e que tamén inclúe a sinatura dunha declaración institucional en contra da medida que suporía "un gravísimo prexuízo para unha gran cantidade de veciños e veciñas, que se verían na obriga de ter que desprazarse ata outros lugares para poder facer xestións que non se poden levar a cabo a través dun caixeiro automático", tal e como sinala o Goberno local. Todos os grupos coincidiron ao indicar que o feito de manter operativo un dispositivo automático en Campelo, trasladando a oficina a Combarro, é "totalmente insuficiente" e "en ningún caso cubre as necesidades do máis de un millar de persoas que residen alí".

O PP PIDE MEDIDAS. Os populares de Poio mostraron onte a súa "preocupación" pola decisión adoptada por Abanca, e amosaron a súa vontade de apoiar "calquera medida que sexa necesaria para que non se leve a cabo". Así, durante a Xunta de Portavoces, insistiron na necesidade de que "o Concello anule todas as contas municipais con esta entidade bancaria e as traslade a outra" se a firma "se nega a manter aberta a oficina de Campelo".

O voceiro popular, Ángel Moldes, calificou de "demanda irrenunciable" que Abanca dispoña un caixeiro en Raxó e valorou que "entre a falta de aparcamento e que agora nas entidades bancarias hai xestións que só se poden facer ata unha hora, reducir ou concentrar a atención bancaria non se pode contemplar".

Comentarios