Poio fará un seguimento dos furanchos para o cumprimento da ordenanza

As multas máis graves poden chegar aos 500 euros, mentres que as faltas por incumprimento de horario roldan os 100 euros
Pleno Poio. DP
photo_camera Pleno Poio. DP

O Concello de Poio vén de iniciar o trámite de renovación dos permisos de actividade dos 16 furanchos censados na actualidade no municipio. A concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, e o xefe da Policía Local, Antonio Duarte, mantiveron esta semana unha reunión co presidente da Asociación de Furancheiros de Poio para informar ao representante do colectivo do procedemento que seguirá a Administración municipal para velar polo correcto funcionamento desta actividade. Neste sentido, o corpo de seguridade poiense efectuará un seguimento periódico aos locais para constatar que dan cumprimento á ordenanza.

Dita ordenanza consta de seis títulos e 36 artigos, e foi aprobada polo Pleno da Corporación en outubro de 2013 e consensuada previamente cos responsables dos loureiros. Entre os requisitos que establece, figura a obrigatoriedade de que o viño que se serve proceda do excedente do consumo propio, sen ser embotellado, e a extensión dos viñedos non deberá superar os 1.500 metros cadrados.

Marga Caldas reuniuse co presidente da Asociación de Furancheiros de Poio para informar do procedemento

Durante a reunión mantida co representante dos Furancheiros tamén se barallou a posibilidade de incluir na ordenanza "cuestións ou necesidades que o sector considere que é preciso analizar", tal e como sinalou Caldas Moreira. Está previsto que proximamente se convoque unha reunión entre os responsables dos loureiros, na que se abordará este asunto. A continuación, o colectivo dará traslado das súas propostas ao Concello. "Estamos abertos a estudar as suxestión que axuden a enriquecer o regulamento", sinalou a edil de Seguridade Cidadá, que salienta a implicación dos furancheiros á hora de dar cumprimento á lei. De feito, a Policía Local só detectou "algún caso illado" de locais que abriron as súas portas sen a autorización pertinente. Trátase de furanchos que non forman parte dos 16 censados na actualidade.

MULTAS. As sancións máis graves por incumprimento da ordenanza roldarán os 250 e 500 euros, mentres que as menos graves quedarán entre 110 e 250. Neste apartado inclúese a venda de viño que non sexa propio ou a modificación do horario e da época de apertura sen ter avisado previamente. As faltas leves, pola súa banda, poden chegar aos 100 euros de multa. Aquí atópase o incumprimento do horario. O aforo máximo permitido é de 34 persoas.

Comentarios