Poio formará parte da Alfombra Mundial Xacobeo da edición 2021

A Concellería de Cultura colaborará nesta iniciativa con diferentes colectivos alfombristas da parroquia de Combarro
Alfombra floral da procesión do Corpus en Combarro do ano 2018. DAVID FREIRE
photo_camera Alfombra floral da procesión do Corpus en Combarro do ano 2018. DAVID FREIRE

A Concellería de Cultura de Poio participará, en colaboración con diferentes agrupacións alfombristas da parroquia de Combarro, no proxecto Alfombra Mundial Xacobeo 2021, que vivirá a súa xornada grande o vindeiro 25 de xullo, día do Apóstolo Santiago.

Trátase dunha idea que xorde da Comisión Xestora de Entidades Alfombristas do Camiño de Santiago e, na mesma, toman parte ata 250 países de todo o mundo.

As alfombras contarán todas co mesmo deseño, aínda que existe certa liberdade á hora de escoller a técnica, tamaño ou os materiais a empregar. En canto ao proceso de confección, tomarán parte del diversos colectivos locais.

A temática é o Camiño de Santiago e entre os obxectivos que se perseguen á hora de participar nesta proposta é recoñecer e poñer en valor a tradición alfombrista que hai en Poio que, como manifesta a portavoz de Cultura, Raquel Rodríguez, "vai máis alá das coñecidas alfombras do Corpus".

Ademais, Rodríguez sinala que tamén é unha boa ocasión para dar a coñecer o tramo da Variante Espiritual que percorre boa parte da vila, así como para poder "difundir o noso patrimonio cultural". Con motivo disto último, está prevista a gravación dun vídeo promocional desta actividade, no que tamén se poidan engadir imaxes do emblemático casco histórico de Combarro.

Unha vez máis, a nacionalista Raquel Rodríguez expresa o seu agradecemento aos grupos e colectivos que se involucran nesta actividade, que se levará a cabo cumprindo con todas as medidas sanitarias correspondentes para a ocasión

Finalmente, o deseño será exposto na praza de San Roque e a xornada terá lugar o vindeiro 25 de xullo,data na que se celebra o día do Apóstolo Santiago.

Comentarios