O Concello de Poio habilitará tres novos aparcamentos disuasorios na parroquia de San Salvador con capacidade para preto de 200 coches.
A Xunta de Goberno aprobará o martes a creación de dous novos parkings en Anafáns, que facilitarán a accesibilidade e o estacionamento de vehículos nunha zona con moitas vivendas unifamiliares, establecementos comerciais e na que, ademais, está ubicado o centro de saúde.
As dúas parcelas teñen acceso desde o camiño da Ferreira e, a maiores, outra tamén desde a rúa Cabanas. O novo Goberno conta con poñelas en funcionamento no tempo máis breve posible, pendentes das condicións meteorolóxicas que están atrasando os traballos de posta a punto.
O mesmo acontece cun terceiro aparcamento disuasorio nesta parroquia, na rúa do Adro. Nese caso, como nos anteriores, o tempo tamén está condicionando as labores de acondicionamento.
Centro de saúde
Ademais, onte o concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García, visitou as obras que está realizando o Concello na rúa Cabanas, e que permitirán mellorar a accesibilidade ao Centro de Saúde desde a estrada de Campelo. Así, o novo Goberno negociou cos veciños da zona para poder retranquear os muros e ampliar a rúa, creando beirarrúas e garantindo maior seguridade para peóns e condutores.
Máis vixianza para evitar a presencia de residuos voluminosos na rúa
O Concello o intensifica a información e a vixianza para evitar a presencia de residuos voluminosos na rúa, tras detectar un aumento deste tipo de vertidos en determinadas zonas do municipio. Unha situación "incomprensible", sinalan desde a concellería de Medio Ambiente, xa que hai a disposición da veciñanza un servizo gratuíto de recollida deste colchóns e mobles a domicilio, para o que basta con chamar ao teléfono 986.77.11.85 e indicar a zona onde hai que recollelos.
Desde o Concello recordan que o punto limpo móbil estará este mes nos lugares de costume en San Salvador os días 7, 8 e 9; en San Xoán, entre o 14 e o 16; Combarro, do 21 ao 23; Samieira os días 28 e 29; e por último en Raxó, o 30 e 1 de decembro.