Poio habilita un segundo aparcadoiro de uso libre no Camiño Real de Combarro

Área habilitada como aparcadoiro disuasorio de uso libre. DP
photo_camera Área habilitada como aparcadoiro disuasorio de uso libre. DP

A concelleira de Seguridade Cidadá de Poio, Marga Caldas (BNG), informou este martes de que xa está a disposición da cidadanía un segundo aparcadoiro no Camiño Real, en Combarro. Trátase dunha parcela que está xestionada polo Concello.

Tal e como explicou a edil, esta área estará aberta para uso libre e ten un acceso peonil a Camiño Real que facilitará o tránsito a pé desde este lugar ata Combarro "para todas aquelas persoas que visiten a vila ou que vaian realizar algunha xestión".

Nos últimos días os operarios municipais procederon á posta a punto do terreo. Agora reforzarase a sinalizacion vertical, con indicadores para facilitar a localización da parcela .

Marga Caldas fai fincapé nos traballos que está a levar a cabo o Concello de Poio para dar resposta no menor tempo posible á demanda de espazos para aparcar en Combarro, unha necesidade que se acentúa e se fai complicada nos últimos tempos, "debido ao bloqueo por parte de Portos de Galicia á hora de permitir a dotación de prazas de estacionamento no Paseo das Redeiras, así como as parcelas con acceso á PO-308 que, a pesar de estar consensuadas cos veciños, non podemos habilitar ata que non teñamos o proxecto de mellora da estrada, dado que incumpren os parámetros mínimos de seguridade", indicou.

Este espazo súmase ao terreo habilitado xa desde hai varias semanas tamén nas inmediacións do Camiño Real. Nese caso son varias prazas de estacionamento só para persoas residentes. Asemade, o Concello tamén estableceu controis de 24 horas en todo o estacionamento libre para garantir a súa rotación, unha medida "que é necesaria para lugares de alta incidencias turísticas", resaltou Caldas Moreira.

Comentarios