Ángel Moldes: "En Poio hai tres alcaldes, porque cada un di unha cousa distinta"

O líder popular fai balance do comezo dun mandato no que está a exercer unha oposición sen tregua e valora "asuntos pendentes" en Poio, como o do saneamento ou o contrato do servizo do lixo, nun Goberno no que, asegura, "desconfían uns dos outros"
 
Ángel Moldes, portavoz del PP de Poio. DAVID FREIRE
photo_camera Ángel Moldes, portavoz del PP de Poio. DAVID FREIRE

Despois de quedar ás portas da Alcaldía nas pasadas eleccións, Ángel Moldes lidera o único partido que exerce a oposición ao Goberno local poiense, composto por BNG, PSOE e Avante Poio

Como é exercer a oposición con oito concelleiros? 

O noso obxectivo era e segue sendo acadar a Alcaldía de Poio. É unha sensación ás veces complicada, porque por un lado fas o análise de que efectivamente, non estamos na Alcaldía, pero por outro lado, unha vez que pasan as eleccións é gratificante ver que gañaches en todas as parroquias, en todas as mesas menos unha e en todos os colexios. E iso tamén é unha responsabilidade. 

Como oposición o PP de Poio nunca baixa a garda... 

Temos dúas liñas. Unha é a fiscalizadora, coa que facemos seguemento. Por sorte temos un equipo de xente moza, con ilusión e gañas de traballar, e tamén un partido moi potente, unha estrutura importante e, sobre todo, esixente. Hai alcaldes gobernando hoxe en día con menos porcentaxe de voto que o que tivemos nós. É difícil de asimilar e de entender, e por iso seguimos traballando. Somos unha oposición moi intensa e estamos en todas as áreas. Aí está o resultado: no primeiro ano fixemos centos de preguntas en todas as comisión, visitamos todas as zonas e estivemos en todos os problemas que houbo en Poio. Dende a primeira manifestación cos veciños de Raxó, ou pola seguridade vial en Chancelas. Imos alá onde nos chaman. Creo que nos caracterizamos porque primeiro somos Poio e despois somos Partido Popular, iso pódese ver nas actas dos Plenos. Non é a primeira vez que presentan unha moción que pode ir en contra da Xunta gobernada polo PP e votamos a favor. 

Como valora as actuacións do Goberno local nestes primeiros meses de mandato? 

A min gústame ser sempre moi respetuoso. Aínda que teñamos interpretacións políticas diferentes, todos queremos o mellor para Poio. O problema radica en que ao ser un Goberno a tres desconfían uns dos outros, no sentido en que eu creo que ás veces hai propostas que teñen medo entre eles mesmos a que poidan coller un rédito político cunha parte do Goberno que a outra parte non poida ter. Nós dicimos que en Poio hai tres alcaldes, non en sentido económico, senon diriamos que hai catro que cobran igual que o alcalde, senon porque vemos que cada un di unha cousa distinta, coma no tema da auga. Nestes primeiros meses de mandato non se ve unha estrutura clara de intencións. Cando chegaron ao Goberno, un dos seus compromisos foi a trasparencia, e resulta que PSOE e BNG votaron en contra de retransmitir os Plenos en directo. E por primeira vez na historia de Poio o alcalde firmou un decreto para que a oposición non puideramos ver a sinatura do convenio para solucionar o tema da depuradora. 

"En Poio faltan aproximadamente 300.000 euros de investimento por parte da empresa do lixo"

Cal cre que é a solución ao tema da auga en Poio?

Trátase de 1.500 veciños sen auga potable, 2.500 veciños sen saneamento, e 500 pozos de auga particulares. Estamos ante un Goberno que leva máis de 25 anos, polo que botarlle as culpas aos demáis é unha falta de respeto. Cando se fai un orzamento, hai que ter prioridades, e o primeiro é cubrir os servizos básicos. Iso soluciónase con gañas de tomar decisións e con valentía política. 

O Goberno local vén de presentar o Punto Limpo itinerante como alternativa ao fixo. Como encaixa isto a oposición dende a súa crítica activa ao servizo do lixo? 

O do Punto Limpo vén a raíz de que nos publicamos un informe e anunciamos unha moción para rescindirlle o contrato a esta empresa. Fai catro anos que a empresa do Lixo xa tiña que ter un Punto Limpo fixo en Poio, non un itinerante. A nós este tema fainos moita graza porque a mesma presentación que fan no 2020 foi a que fixeron xa hai tres anos para o mesmo sistema. Cremos que non é serio e que hai un compadreo entre o equipo de Goberno e a empresa. Os informes que nos pasa a consultora desta empresa sempre son desfavorables, porque din que faltan aproximadamente 300.000 euros de investimentos da empresa en Poio, entre o Punto Limpo, persoal e horas de limpeza. 

Cales cre que son as actuacións prioritarias para Poio? 

Auga, saneamento e depuración. Iso é o prioritario. Por outra parte, en Poio temos unha carencia de infraestruturas. Precisamos unhas instalacións deportivas axeitadas para os clubes; unha piscina, que demandan moitos veciños de Poio; a culminación de todas as beirarrúas e a senda en toda a PO308; o PXOM, un documento que está metido nun caixón e no que levamos gastado máis de 400.000 euros en oito anos, e as prazas de estacionamento.

Comentarios