O Concello de Poio homenaxeará a 19 mariscadoras e mariscadores e á exconselleira do Mar, Rosa Quintana, durante a celebración da Festa da Ameixa de Campelo, que se celebra entre o 15 e 17 de setembro. Segundo explica o alcalde, Ángel Moldes, o Concello de Poio entregará o próximo venres día 15 a Ameixa de Prata a mariscadoras e mariscadores das tres confrarías e que se xubilaron ao longo do último ano nun acto no que queren "facer un recoñecemento e render homenaxe a todas esas persoas que adicaron a súa vida ao mar, a todas esas mariscadoras e mariscadores que coa súa labor tamén contribuíron á preservación dos espazos naturais nos que faenaron".
Na edición do pasado ano, na que se lograron esgotar 5.000 quilos de ameixa extraída da ría e que supuxo o regreso da festa tras dous anos de obrigado parón pola pandemia, foron homenaxeadas 47 traballadoras e traballadores, das que a meirande parte colgou os aparellos no 2019, cunhas 34 xubilacións. No máis duro da pandemia, 2020, outras 13 fixeron o mesmo, e xa no pasado ano foron nove as persoas que deixaron o mar.
Ademais, desde o Concello de Poio tamén se vai render homenaxe ese mesmo día á ex conselleira Rosa Quintana, recoñecendo así o seu traballo nos últimos catorce anos e o seu apoio e defensa do sector do mar desde a Xunta de Galicia. "Poio é mar, e sempre encontramos en Rosa a unha aliada en defender a nosa costa, ao sector e aos nosos traballadores", sinala.
Por iso, o rexedor poiense considera que "é de xustiza, porque ademais así o comparten tamén as nosas confrarías, recoñecer publicamente a quen se deixou a pel durante tanto tempo en defender un sector que é fundamental no noso concello".
Por último, Ángel Moldes explica que nos próximos días darase a coñecer a programación final da Festa da Ameixa, que combinará gastronomía, música e na que os nenos, "como xa é costume co novo Goberno local", indica o rexedor, tamén contarán con propostas lúdicas.