Poio honra ao patrón entre as tradicionais herbas e sardiñas

A sardiñada na hostelería local gozou dunha boa acollida na noite do San Xoán poiense
Recollida de herbas de San Xoán. DAVID FREIRE
photo_camera Recollida de herbas de San Xoán. DAVID FREIRE

Aínda que as fogueiras populares non alumearon este ano en Poio, o municipio non perdeu a oportunidade de homenaxear a San Xoán, o seu patrón, na previa do seu día grande. Por isto, o primeiro día da programación festiva municipal decantouse pola gastronomía e a tradición. Pola tarde, da man da asociación Ronsel, arredor de 50 persoas en dous turnos participaron na emblemática actividade da recollida das herbas de San Xoán, que partiu dende o antigo colexio do Sartal. A cita, que se vén organizando dende hai anos, contou con todas as medidas de prevención axeitadas para que na mañá de hoxe os participantes poidan lavar a cara con xesta, herba luisa, romeu, fiuncho e fento, entre outras.

Pola noite, o cheiro a sardiñas deixouse sentir en todo o concello, e é que, a pesar de que este ano a sardiñada popular non puido ser por mor da crise sanitaria, a alternativa foi ir cear as sardiñas á hostelería local, unha actividade na que participaron os bares e restaurantes Isla de Tambo, Casa Laura, Enxebre, Lourido, La Brisa, Campelo, La mar de Dulce, Coral, Las Conchas, As 7 Lúas, Ancla, O Peirao, Pedramar, Peirao do Rial, Rúa 19, Marlovento Gastromar, Meiga, Casa Susa, Nova Cepa, Xantares Galegos, A Freixa, Rías Baixas, Chousa, O Bocoi, Acuña Raxo e O Remo. O restaurante La Brisa, que na tarde de onte xa tiña reservas para 60 comensais, foi un dos establecementos que ofreceron un menú especial de San Xoán a base de churrasco, sardiñas, pementos e empanada. Noutros coma O Remo, tiveron un grande éxito os pedidos a domicilio.

Pero o San Xoán de Poio aínda non rematou. A celebración alternativa para honrar ao patrón do municipio proposta este ano polo Concello continúa este mércores coa alborada polas parroquias a cargo de agrupacións locais e a tradicional misa de San Xoán no Mosteiro de Poio, ás 12.00 horas. A partir das 13.00 horas terá lugar o concerto a cargo da Banda de Música de Arcade, e pola tarde, ás 20.00 horas, a escola de acordeóns de Campelo amenizará a xornada na Praza da Granxa.

Comentarios