Poio impulsa un directorio de artistas para facer máis visible a súa actividade

A iniciativa da concellería de Cultura busca dar a coñecer os traballos desenvoltos polo tecido local en eidos como a música, teatro ou pintura,
Poio, Praza da Granxa. Espectáculo infantil con nelson quinteiro, domingo, 5 jul · 20:00–21:00
photo_camera Nas festas de San Xoán xa se deu protagonismo a artistas locais. GONZALO GARCÍA

A Concellería de Cultura de Poio está a traballar na creación dun directorio de entidades culturais locais. Trátase dunha ferramenta que, tal e como explica a titular deste departamento, a nacionalista Raquel Rodríguez, terá como meta principal poñer en valor e dar a coñecer aos profesionais, colectivos e industrias creativas vencelladas a este sector. "Deste xeito, resultará moito máis efectivo dar visibilidade aos seus proxectos e traballos. Ademais, tamén queremos fomentar o intercambio de experiencias e o traballo conxunto".

Cómpre lembrar que esta proposta xa fora abordada na reunión que Rodríguez Alonso mantivo hai unhas semanas con artistas e representantes de colectivos culturais. A concelleira de Cultura sinala que este tecido foi un dos máis afectados pola crise sanitaria da covid-19. "Desde o primeiro momento implicámonos á hora de coñecer a situación das agrupacións e profesionais e de buscar fórmulas para axudar a reactivar a dinamización cultural de Poio". Seguindo esta liña, ademais de traballar neste proxecto, tamén se apostou por dar protagonismo a artistas e agrupacións do municipio á hora de deseñar a programación alternativa das Festas de San Xoán e o calendario de iniciativas lúdicas que se desenvolverá ao longo do verán.

Neste directorio terán cabida aquelas asociacións, entidades e profesionais do tecido cultural da vila. Preténdese, asemade, dar a coñecer iniciativas doutros sectores como a xestión cultural, a de artes plásticas e visuais, patrimonio cultural, promoción e formación musical, artes escénicas, teatro, pintura, escultura, editoriais, librarías, turismo cultural, danza, música, creación audiovisual, deseño gráfico ou cinematografía.

Os e as profesionais interesadas en formar parte desta rede deberán cubrir unha ficha, que se porá á súa disposición na páxina web do Concello (www.concellopoio.gal), na que figurarán os datos do solicitante e a descrición da actividade que desenvolve. A información organizarase de tal xeito que os usuarios e usuarias, ademais de informarse sobre o propio directorio, poderán facer uso dun buscador que filtra por categorías ou nome, o que facilitará e axilizará as consultas que desexen realizar.

Comentarios