Poio impulsará un plan para reactivar o turismo local

O Concello estuda axudas fiscais e cursos de protocolos de hixiene
Turistas en Combarro. RAFA FARIÑA
photo_camera Turistas en Combarro. RAFA FARIÑA

A concelleira de Turismo, Silvia Díaz, e o responsable de Promoción Económica, Gregorio Agís, mantiveron na tarde do pasado xoves unha reunión con representantes da Asociación de Hostaleiros de Poio, na que tamén estivo presente a técnica de Turismo e que serviu para facer unha análise da situación que atravesa o sector no municipio, como consecuencia da crise derivada pola expansión da Covid-19 e que obrigou a paralizar a actividade desde mediados do pasado mes de marzo. No encontro puxéronse sobre a mesa diferentes propostas e iniciativas municipais pensadas para tratar de dar un pulo a un sector que, tal e como incide Díaz, "resulta estratéxico e moi importante para economía local".

Entre as medidas das que se falaron, destaca o estudo de posibles axudas fiscais para os profesionais. Ademais, o Concello tamén está disposto a ofertar a organización de cursos de formación sobre os novos protocolos de saúde e hixiene no ámbito laboral que as autoridades están a esixir coa reapertura paulatina de negocios, tras a entrada na fase 1 da desescalada, e que moi probablemente haberá que manter, alo menos en parte, unha vez recuperada a normalidade. Asemade, propúxose a creación dunha páxina web específica de Poio como destino turístico, que incluiría a creación dunha app para smartphones e tablets, a través da cal os usuarios e usuarias poderían ter acceso a información relacionada con este sector.

Outro compromiso acadado na reunión foi a de crear unha mesa de traballo, na que estean presentes tanto a Administración autonómica como representantes do sector privado, para fomentar a colaboración, incentivar a actividade turística no municipio e facilitar unha maior interacción, algo especialmente útil para estar ao tanto das inquedanzas, problemáticas ou suxestións que poidan facer os profesionais.

Os dirixentes municipais valoraron positivamente o resultado desta reunión. En concreto, Gregorio Agís considera que este plan de apoio pode axudar a dar un pulo a un colectivo cuxa dinamización "resulta chave para Poio".

Comentarios