Poio inaugura o seu Entroido o vindeiro día 21 coa novidosa Festa da Filloa

O municipio repartirá 6.000 euros en premios entre os concursos de disfraces e comparsas, que terán lugar o 23 de febreiro e 15 de marzo
Presentación da programación do Entroido no Concello. DP
photo_camera Presentación da programación do Entroido no Concello. DP

O Entroido de Poio dará o seu pistoletazo de saída o vindeiro venres 21 de febreiro, e farao introducindo unha novidade: a Festa da Filloa, que traerá consigo degustacións gratuítas, obradoiros infantís, troula e bailes, a partir das 18.00 horas. Así o anunciaron onte o alcalde, Luciano Sobral, e a concelleira de Cultura e Educación, Raquel Rodríguez, xunto a representantes das comparsas e asociacións organizadoras, que deron a coñecer os detalles das actividades lúdicas que se desenvolverán desde o 21 de febreiro ata o 15 de marzo, entre as que se inclúen os xa tradicionais concursos de disfraces e comparsas, nos que se repartirán máis de 6.000 euros en premios.

O domingo 23 será o Desfile de Entroido (17.00 horas dende a Avenida da Porteliña, en San Salvador, ata a rúa Castelao). Ao remate haberá unha festa amenizada pola Orquesta Limón, que incluirá a entrega de premios aos mellores disfraces individuais, por parellas e por grupo. Os disfraces deberán contar cun mínimo de cinco integrantes. O mesmo día, a partir das 12.00 horas, terá lugar a recepción do Galo Bruxo de Samieira, na praza Alfredo Romay. O enterro terá lugar o 14 de marzo, ás 20.00 horas. Ambas actividades están organizadas pola SCD Samieira.

O enterro do Galo Fodorico Augusto Bastante será o 7 de marzo, ás 20.00 horas. A comitiva partirá do Sartal e chegará á Praza do Mosteiro, onde terá lugar a Festa da Choqueira. Haberá unha chocolatada popular e un concurso.

A programación rematará o 15 de marzo en Campelo, onde se celebrará o Concurso de Comparsas e Grupos de Fantasía, a partir das 17.00 horas, con partida dende a rúa Beiramar e chegada á Praza da Granxa, onde se servirá chocolate quente e se efectuará e entrega de premios. As comparsas deberán estar compostas por un mínimo de 25 integrantes, mentres que os grupos deberán ser de 15. As anfitrionas serán as comparsas poienses 100tolos, Os Canecos, Grupo Samieira e As Sonecas.

Combarro e Lourido manteñen na programación os emblemáticos enterros do Mexillón e do Berberecho, os días 28 de febreiro (20.30 horas, partindo do peirao da Canteira ata a Praza da Chousa) e o 6 de marzo (á mesma hora).

Durante a presentación, o alcalde quixo destacar a "importante participación e colaboración de todos os colectivos", mentres que a concelleira de Cultura e os representantes dos colectivos animaron «a asistir o vindeiro día 21», para "acompañar a este primeiro día" de Entroido poiense.

Comentarios