Poio inaugura o seu Nadal por todo o alto

A Praza da Alameda converteuse o pasado venres nunha gran festa con chocolate, rosca, música e incluso un espectáculo pirotécnico para prender a iluminación navideña, que permanecerá activa ata despois de Reis
Máis de 200 persoas asistiron ao acto de prendido das luces navideñas de Poio, cita que se convertiu nunha gran festa animada pola Charanga Mil 9.
photo_camera Máis de 200 persoas asistiron ao acto de prendido das luces navideñas de Poio, cita que se convertiu nunha gran festa animada pola Charanga Mil 9. DP

Cunha conta atrás e un espectáculo pirotécnico, Poio celebrou na noitiña do pasado venres a chegada do Nadal, que foi oficialmente inaugurado na Praza da Alameda a partir do tradicional prendido de luces. O acto, que reuniu a máis de 200 asistentes, contou coa presenza ao dun gran número de veciños e veciñas, así como integrantes de diferentes asociacións e persoal municipal. Tampouco faltaron á cita os membros da Corporación local, encabezados polo alcalde, Luciano Sobral.

Xa ás 19.00 horas o inicio da animación musical grazas á actuación da Charanga Mil 9 marcaba o pistoletazo de saída ao evento. Tras unha entrega de calendarios do novo ano, a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez (BNG), tomou a palabra para agradecer ás persoas alí congregadas a súa asistencia, retando ás baixas temperaturas, "para participar con nós nesta benvida do Nadal, que volve ser especial porque, despois de dous anos moi duros, volvemos empezar de cero a gozar destas datas".

A continuación, o alcalde Sobral quixo felicitar as festas á veciñanza cun discurso no que agradeceu a presencia das persoas que retaron ao frío "para gozar do inicio dunhas festas tan importantes como o Nadal". Unha vez finalizada a súa intervención, chegou o momento máis esperado: a conta atrás para acometer o prendido dos elementos que iluminarán a fachada do Consistorio e a contorna da Alameda durante estas vindeiras semanas.

Asistentes ao acto. DP
Asistentes ao acto. DP

O acto contou cunha gran sorpresa: un espectáculo pirotécnico que fixo as delicias de todas e todos os alí presentes, que quedaron coa boca aberta ao admirar a explosión de cores que encheu o ceo do municipio. Logo de que os e as asistentes berrasen o tradicional "Viva o Nadal en Poio", e sempre baixo a tutela da animación musical da Charanga Mil 9, procedeuse á degustación gratuíta de rosca e de pequenos vasos de chocolate quente.

Así mesmo, desde o pasado venres tamén se atopan operativos todos os elementos decorativos, os cales foron instalados ao longo do término municipal. Son preto de 300 elementos, entre os que non faltan arcos, adornos e luminarias en photocalls en dous lugares emblemáticos, como son a Praza da Chousa de Combarro e a Praza do Mosteiro.

Este encontro festivo tamén serviu para a gravación do tradicional vídeo de Nadal, que nos vindeiros días proxectarase na canle oficial de YouTube do Concello de Poio, ademais de ser compartido en redes sociais, a través das contas de Facebook e Instagram do Concello.

Iluminación

Segundo indicaron fontes municipais, as luces de Nadal permanecerán en funcionamento ata o domingo día 8 de xaneiro, unha vez pasada a festividade do día de Reis.

Este ano reducirase o horario de prendido, que se establecerá de 18.00 a 1.00 horas, xa que, tal e como se trasladou, o Concello da localidade entende que "o contexto actual require dun compromiso de aforro e contención". En todo caso, con motivo das noites máis máxicas do Nadal, Noiteboa, Fin de Ano e Reis, as luces permanecerán operativas ata as catro da madrugada do día seguinte.

Comentarios