miércoles. 21.04.2021 |
El tiempo
miércoles. 21.04.2021
El tiempo

Poio incorpora dende este mes parte da plantilla que reforzará ao persoal municipal

Obras e Servizos reforzarase con once novos operarios. DP
Obras e Servizos reforzarase con once novos operarios. DP
O Concello xa conta cunha técnica de Turismo, unha auxiliar clínica e catro conserxes, dun total de 28 persoas contratadas polo Plan Concellos
O Concello de Poio xa comezou a incorporar ao total de 28 persoas que pasarán a reforzar a plantilla municipal de xeito temporal durante os vindeiros meses, grazas á liña 3 do Plan Concellos da Deputación, cun investimento total que ascende aos 235.000 euros, tal e como lembrou o titular de Persoal, Xosé Luís Martínez. A primeira incorporación foi a da técnica de Turismo que, xa durante a Semana Santa, pasou a reforzar este departamento, desenvolvendo tarefas de información e asesoramento na oficina de Combarro. Ademais, desde o pasado 1 de abril xa contan con contrato en vigor os e as conserxes de diferentes instalacións de titularidade municipal (catro persoas en total), ao que hai que sumar unha auxiliar clínica para Servizos Sociais.

No caso dos conserxes, a duración dos contratos será ata o 30 de novembro, excepto o correspondente á persoa que desenvolva esta tarefa na Casa Consistorial, que permanecerá contratada ata finais de ano. Grazas a estas contratacións, pasarán a contar con este servizo outros equipamentos como a Casa Museo de Colón, en Portosanto, ou o Centro Cultural Xaime Illa de Raxó.

Xosé Luís Martínez informou, ademais, de que será a partir do 15 de abril cando se produza a incorporación da meirande parte das contratacións tramitadas. En concreto, nesa data iniciarán os seus labores os once operarios que reforzarán Obras e Servizos Municipais. Entre as tarefas a desenvolver, figuran a rehabilitación das rutas de sendeirismo e paseos que existen na vila ou limpeza e desbroce de camiños e pistas, así como o mantemento de praias. Todos eles contarán cun contrato dunha duración de oito meses.

De aquí ao verán, iranse incorporando novos reforzos para Servizos Sociais ou Turismo. Martínez lembrou que a través do Plan Concellos "existe a posibilidade de incorporar ao mundo laboral persoas en situación de desemprego", e apuntou que o reparto faise "en función das necesidades de persoal que precisa cada departamento, de xeito que se poida garantir a conservación dos servizos cara a cidadanía".

Poio incorpora dende este mes parte da plantilla que reforzará ao...
Comentarios
ç