Poio insiste en pedir a marquesiña na PO-308 en Raxó

O Concello demanda que a Xunta instala a dotación tras poñer os terreos a disposición, tal e como esixiu a entidade autonómica
Os terreos habilitados polo Concello para a parada cuberta. DP - Marquesina en la PO-308, en Raxó
photo_camera Os terreos habilitados polo Concello para a parada cuberta. DP - Marquesina en la PO-308, en Raxó

A tenente de alcalde de Poio, Chelo Besada, insta á Xunta de Galicia a que axilice os trámites para instalar unha marquesiña na parada de autobús situada no punto quilométrico 10,3, nas proximidades da estación de servizo de Raxó. Trátase dunha actuación que foi reclamada en varias ocasións tanto por parte do Concello coma dos veciños, xa que actualmente os e as escolares vense na obriga de agardar polo transporte escolar á intemperie.

A tenente de alcalde e concelleira de Obras non entende a demora por parte da Xunta de Galicia á hora de levar a cabo esta tarefa. Neste sentido, Besada lembrou que foi a propia Administración autonómica a que modificou o emprazamento elixido inicialmente para instalar esta infraestrutura.

"Posteriormente, a Xunta esixiu ao Concello que xestionase a adquisición de terreos neste novo emprazamento para a marquesiña, cousa que fixemos hai xa practicamente un mes. O Goberno local cumpriu, pero falta que a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) tramite o permiso para a actuación, algo que xa reclamamos hai varias semanas", lamentou a tenente de alcalde, ao mesmo tempo que agradeceu aos propietarios da parcela a súa predisposición á hora de ceder un espazo para a infraestrutura.

OUTRAS PETICIÓNS. "Non estamos a falar dunha obra ou unha actuación cuantiosa desde o punto de vista económico", critica a edil socialista, que engade que "desgraciadamente non é a primeira vez que sucede algo así". Besada refírese á inacción amosada por parte da Xunta de Galicia á hora de dar resposta ao escrito enviado hai un meses, no que se lle deu traslado dunha serie de propostas, que tiñan en conta diferentes peticións veciñais, para mellorar o tramo da PO-308 entre Samieira e Raxó, recentemente reformado pola Consellería de Infraestruturas. Foi no verán cando o tripartito solicitou, por exemplo, a dotación de máis pasos para peóns ou a continuación da beirarrúa que non foi executada na marxe esquerda nunha entrada existente para vehículos entre os números 20 e 22 da avenida do Covelo, en Samieira. Propúñase a maiores resolver os problemas de tránsito peonil detectados entre as avenidas da Toxa e O Laño, onde tamén se eliminaron prazas de estacionamento.

A tenente de alcalde lembra, asemade, que xa nese escrito remitido no verán se incidía na necesidade de habilitar unha marquesiña en Raxó. "A resposta da Xunta foi que tiñamos que buscar os terreos. Cumprimos coa demanda e agora instamos á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade a que faga algo para que os e as estudantes deixen de agardar polo autobús á intemperie", concluíu, á vez que lembra que "no seu momento tamén solicitamos outra parada nas proximidades da estación de servizo de Raxó", aclara, aunque en ese caso "ante a falta de resposta, optamospor habilitar nós unha marquesiña propia".

Comentarios