jueves. 04.06.2020 |
El tiempo
jueves. 04.06.2020
El tiempo

Poio mantén o ritmo dos traballos pensando na recuperación do turismo

A edil de área de Turismo.
A edil de área de Turismo.
O Concello tiña prevista a incorporación de cinco traballadores antes de xuño para a atención aos visitantes

Como outros concellos das Rías Baixas, o Goberno Local de Poio tamén está a aproveitar o tempo para que a volta á normalidade se poida desenvolver nas mellores condicións desde o punto de vista turístico. Así, se a Semana Santa de 2020 se dá por perdida xa para o sector, a Concellería de Turismo mantén o ritmo de traballo traballando para que, en canto a situación se normalice, o concello de Poio volva ser un destino escollido polos visitantes.

"Agora mesmo atopámonos nun contexto extraordinario, no que debemos apelar á responsabilidade colectiva e pedirlle á xente que respecte as directrices marcadas polo estado de alarma. Instamos á cidadanía a que non veñan ás súas segundas vivendas e respecten o confinamento. Son estes momentos moi duros para o turismo, que, ao igual que outros sectores, vese na obriga de paralizarse por completo para tratar de frear ao Covid-19, pero nós seguimos xestionando e traballando para que Poio recupere o seu status de referente turístico o máis axiña posible", explica a titular do departamento, Silvia Díaz.

A Concellería informa de que xa iniciaron no seu momento os trámites para acadar unha achega da Consellería de Turismo, que se investirá na renovación da sinalización dos roteiros dos muíños da Freixa, en San Xoán, e os de Samieira.

Outro dos proxectos en marcha era a reposición dos paneis informativos en Combarro de cara á tempada alta. Ademais, tamén se está a divulgar, a través da páxina web e das redes sociais do Concello, a guía-folleto "Pura Identidade", coa que Poio se promocionou durante a última edición de Fitur. Trátase dun documento virtual que conta cun mapa interactivo no que se ofrecen máis de 40 puntos de interese para os visitantes: praias, miradoiros, espazos públicos e roteiros, ademais de emprazamentos históricos ou patrimoniais, como o Conxunto Histórico de Combarro, a Casa Museo de Colón ou o Mosteiro de San Xoán.

O departamento prevía a contratación de cinco persoas para a tempada vacacional. Todas as incorporacións ían estar operativas en xuño. Entre elas había dúas bolseiras para Semana Santa, cun contrato de catro meses. Tamén se decidiu contar cunha persoa titulada, a través do Plan Concellos (catro meses) e outro reforzo, por tres meses e medio, pola vía dunha achega da Xunta a concellos de Interese Turístico. Por último, habería unha incorporación por tres meses a través dunha liña da Deputación para concellos adheridos á rede Info Rías Baixas.

Poio mantén o ritmo dos traballos pensando na recuperación do turismo
Comentarios