Poio destinará máis de 100.000 euros a dúas melloras en viais secundarios

Trátase de reasfaltados e renovacións de servizos en Rúa Costa de Abaixo e Camiño de Covelo
Un dos tramos que se reasfaltarán en Rúa Costa de Abaixo, Combarro. DP
photo_camera Un dos tramos que se reasfaltarán en Rúa Costa de Abaixo, Combarro. DP

A Comisión de Urbanismo de Poio daralle luz verde a dous proxectos para mellorar firmes e servizos de dous viais secundarios de Poio. Trátase dun investimento que superará os 100.000 euros e que mellorará a situación da Rúa Costa de Abaixo, en Combarro, e do Camiño de Covelo, en Samieira.

Os técnicos municipais e a Concellería de Obras, dirixida por Chelo Besada, constatan que o Camiño de Covelo, en Riodama, precisa dunha renovación do firme, así como da reposición de diferentes servizos, ao contar cunha anchura media dispar (entre os cinco e os sete metros) e cun pavimento que, debido ao desgaste e á erosión orixinada pola auga, presenta un importante estado de deterioro. "A escorrentía orixinada polas precipitacións de certa intensidade repercute de xeito moi negativo no estado de conservación do vial, producindo arrastres dos terreos", sinala o informe municipal. O Goberno local entende que é imprescindible executar unha rehabilitación do firme, os drenaxe e a evacuación de augas pluviais, mediante a execución de cunetas en parte do tramon.

Neste camiño actuarase nunha extensión de 448,70 metros lineais e asfaltarase unha superficie superior aos 2.000 metros cadrados. A actuación tamén mellorará os acesos ás parcelas agrícolas existentes na contorna. Esta obra contará cun orzamento de 40.726,07 euros e, do total, o Concello só terá que asumir o custe do IVE (algo máis de 7.000 euros), toda vez que a cantidade restante se financiará a través do Plan de Mellora de Camiños Municipais 2020-2021, unha liña de achegas da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

A mellora da Rúa Costa de Abaixo custará 61.194,39 euros, pero as obras financiaranse ao 100% coa rebaixa efectuada no proxecto da mellora do campo de fútbol da Seca, con cargo ao Plan Concellos de 2018.

Os traballos, que contan cun prazo de execución de tres meses, abordarán a rehabilitación do pavimento, que se atopa moi desgastado polo tránsito de tráfico rodado e a erosión provocada pola auga. Ademais, procederase tamén á actualización de servizos básicos como o saneamento e o abastecemento. O firme pasará a contar cunha capa media de cinco centímetros de mesura bituminosa en quente estendida sobre unha capa previa de xabre artificial. Ademais do saneamento renovado deberán instalarse canalizacións no vieiro para garantir o correcto abastecemento de auga. Outra tarefa que se inclúe no informe técnico é o retranqueo dun poste de telecomunicacións existente, que será preciso trasladar á Rúa Costa de Arriba.

Comentarios