Poio negarase a asumir o 30% do plan de Raxó

Portos de Galicia presenta o proxecto de ordenación e humanización do espazo, vencellando a actuación "ao acordo co Concello" ►O Goberno local discrepa na porcentaxe a cofinanciar e remítese ao convenio de 2009
Plano da actuación proxectada na vía que dá acceso ao peirao de Raxó. CEDIDA
photo_camera Plano da actuación proxectada na vía que dá acceso ao peirao. CEDIDA

O proxecto de ordenación de estrada de acceso ao porto de Raxó, que suporá a humanización de toda a zona, xa está sobre a mesa e chega con desacordo na súa financiación, segundo manifestou este mércores o Concello poiense, que considera moi elevado asumir o 30% do seu custe.

Entre as accións concretas que figuran no plan, destaca a nova distribución do espazo viario, coa construción dunha plataforma única para a circulación de vehículos que terá prioridade peonil, ademais da renovación da capa de rodadura da baixada ao porto no seu tramo inicial, xunto á mellora da eficiencia e estética da rede de alumeado, así como a de abastecemento, pluviais e fecais, reforzando tamén a sinalización, algo que, sinalaron dende o ente autonómico, vencella esta execución "ao acordo do Concello".

O proxecto inclúe tamén a mellora da calidade do espazo, posto que está previsto que se coloque novo mobiliario urbano, cun banco lineal de 93 metros de lonxitude, ademais de varandas e papeleiras.

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, presentaron o plan durante a tarde do mércores ao Concello de Poio, á Confraría de Pescadores San Gregorio de Raxó e ás entidades locais, nunha reunión celebrada na sede da delegación na capital pontevedresa, a través do documento que Portos acaba de redactar cun investimento de 18.000 euros. O obxectivo último do proxecto, tal e como explicaron dende o organismo autonomico, e que está orzamentado en 630.000 euros, pasa por "reordenar a circulación peonil e rodada na vía de acceso ao porto de Raxó e redistribuír os espazos". A proposta, que se financiaría mediante o aporte do 70% do orzamento por parte de Portos e o 30% de fondos do Concello, pretende humanizar a vía, con criterios máis amables para os peóns e "inclúe a rede de instalación de servizos urbanos, tal como comprometera o ente público nas súas diversas reunións cos representantes municipais de Poio". Deste xeito, manifestaron, Portos "dá cumprimento ao compromiso acadado coas partes con anterioridade".

Construirase unha plataforma única para a circulación de vehículos, que terá prioridad peonil, e dotarse do mobiliario

SEN BEIRARRÚAS. Tras o encontro mantido na sede da delegación este mércores, o Concello de Poio remitiuse ao convenio do ano 2009 comprometido polo ente autonómico e, en representación tamén dos colectivos de Raxó e Samieira, esixiu "que Portos de Galicia actúa en todo o ámbito recollido" no acordo. Neste sentido, dito acordo contemplaba a mellora integral do tramo que vai dende o propio peirao ata o enlace coa estrada autonómica PO-308. Os dirixentes municipais manifestaron tras a reunión co ente autonómico para analizar as obras no peirao de Raxó que "non podemos aceptar sen máis que nestas non se contemple a execución das beirarrúas do vial que une a PO-308 co recinto portuario, que é algo que xa se recollía no convenio asinado hai máis dunha década".

Dende o Goberno local tamén mostraron o seu desacordo co financiamento da actuación, e aseguraron que "en 2009 Portos de Galicia comprometérase a asumir o 100% destes orzamentos e, sen embargo, agora insta ao Concello a custear o 30% do financiamento". Con respecto a isto, os dirixentes poienses criticaron o "cambio", e manifestaron unha clara intención de non asumir o total da porcentaxe proposta polo ente autonómico. "O Concello pode estar disposto a asumir unha parte razoable, que en ningún caso se achega a ese 30%", aseguraron. Neste sentido, lembraron que "será a propia Administración local quen rehabilite o tramo correspondente á rúa Ramón Encinas", que vai desde o peirao ata o linde con Sanxenxo. "Este é un proxecto que se tramitou de xeito directo desde a Administración municipal e no que os fondos propios destinados ascenden ao 20%. Polo tanto, non é de recibo que Portos nos esixa unha porcentaxe aínda máis alta para acometer unha actuación que ten lugar nun espazo da súa titularidade", sinalaron dende o Goberno local.

Os dirixentes municipais insistiron na "necesidade" de que as obras "se desenvolvan en todo o ámbito". "Está en xogo o futuro de dous espazos dunha importancia capital para as parroquias de Raxó e de Samieira, ao seren zonas de relevancia a nivel marítimo, de mobilidade e turístico", manifestaron.

O acondicionamento do vial de acceso ao porto de Raxó pertence a un paquete de actuacións que pretenden mellorar a seguridade viaria e peonil entre Samieira e Raxó e que, neste caso concreto, foi solicitado polo mesmo Concello. Sen embargo, o desacordo entre os entes autonómico e local á hora de definir o proxecto, sobre o que existe un acordo que se remonta ao ano 2009, e a posterior pandemia unida a outras actuacións en curso, provocaron o estancamento do proxecto, que mesmo chegara con anterioridade ao Parlamento galego a través dunha Proposición non de Lei por parte do PSOE. O pasado abril de 2021 cando as negociacións puideron ser desbloqueadas durante unha reunión entre representantes do Concello e a presidenta de Portos, se ben Poio continúa a reivindicar actuacións que finalmente non foron engadidas no proxecto actual.

Comentarios