Poio ofrecerá axudas de 1.000€ para proxectos de asociacións de mulleres locais

A Xunta de Goberno aprobou as bases desta liña de axudas, que se repartirán por concorrencia non competitiva

Casa do Concello de Poio. ADP
photo_camera Casa do Concello de Poio. ADP

O Concello de Poio outorgará axudas de 1.000 euros para financiar proxectos desenvoltos por asociacións de mulleres locais para fomentar a igualdade de oportunidades e loitar contra a violencia machista. A Xunta de Goberno aprobou as bases desta liña de axudas, que se repartirán por concorrencia non competitiva. A concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, indicou que estas subvencións apoiarán programas e actividades que promovan a igualdade e melloren a calidade de vida das mulleres de Poio e fortalecerán o movemento asociativo.

As asociacións interesadas deberán cumprir varios requisitos, entre os que se atopan ser parte do Consello Municipal da Muller, figurar no Rexistro de Asociacións e ter colaborado nas campañas impulsadas desde o Concello on motivo do 25 de novembro ou do 8 de marzo. As actividades subvencionables deberán realizarse entre o 1 de decembro de 2023 e o 30 de novembro de 2024. Os colectivos poderán presentar as súas propostas durante un mes, a partir do día seguinte á publicación das bases no BOPPO, que será nos próximos días. A tramitación farase a través do formulario da sede electrónica do Concello de Poio.

Aos proxectos subvencionados concederáselle unha axuda económica de 1.000 euros, compatible con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos recibidos doutras entidades ou administracións.

Entre os gastos subvencionables inclúense os de funcionamento e mantemento, de difusión ou publicidade, alugueiro de espazos e equipamentos técnicos, contratación de servizos profesionais, materiais para cursos e actividades, premios, ou calquera outro gasto corrente.

Comentarios