Poio perfila unha gran cabalgata con carrozas e dobre visita dos Reis Magos

Máis de 300 persoas formarán parte da comitiva que o día 6 despedirá ás Súas Maxestades de Oriente dende Porteliña ata A Seca ► O día 5 percorrerán as Aldeas de Nadal e as parroquias
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, visitou este mércores a nave das carrozas. DP
photo_camera O alcalde de Poio, Ángel Moldes, visitou este mércores a nave das carrozas. DP

Os Reis Magos protagonizarán este ano unha innovadora dobre cita en Poio, que incluirá unha gran cabalgata e unha comitiva de récord. Deste xeito, haberá dúas datas sinaladas para ver os Magos de Oriente, que serán o venres 5 e o sábado 6 se ben, este ano, a xornada do sábado será a cita grande no municipio.

Así, o 6 de xaneiro, nunha aposta do Concello por dar un xiro á programación, celebrarase a cabalgata propiamente dita, que servirá para despedir os Reis Magos cunha gran festa. Haberá catro carrozas, un tren máxico e unha comitiva formada por máis de 300 persoas, que se desprazará dende Porteliña (18.00 horas), pasando pola Seara, ata A Seca, onde rematará na carpa Poio Máxico cunha gran festa animada polo DJ Javi Solla.

Previamente, o venres 5, Melchor, Gaspar e Baltasar percorrerán en coche as Aldeas de Nadal e todas as parroquias. A ruta Real sairá ás 11.00 horas para percorrer as sete Aldeas de Nadal de Poio, comezando pola Aldea do Adro, en San Salvador, para posteriormente achegarse á Aldea dos Patos, Lourido; da Granxa, en Campelo; das Badaladas, en San Martiño; Aldea das Palleiras, Combarro; Aldea dos Muíños, Samieira; Aldea de Raxó, e rematar na Casa do Concello, onde saudarán dende o balcón.

Xa pola tarde partirán ás 16.00 horas para percorrer todas as parroquias. Comezarán por San Salvador, para continuar por san Xoán, Combarro, Samieira e Raxó. Os horarios e lugares poderanse consultar nas redes sociais do Concello.

Segundo explicou o alcalde, Ángel Moldes, que este mércores visitou a nave onde se gardan tres das catro carrozas, acompañado dos concelleiros de Cultura e de Festexos, Natalia Sabarís e Fran da Silva, "a cabalgata dos Reis Magos é un dos gastos máis elevados da programación do Nadal, e nos últimos anos a maior parte das familias de Poio trasladábanse ata Pontevedra, capital da provincia, e polo tanto eran moi poucas as persoas que quedaban gozando do día 5 no noso concello. Por iso, este ano quixemos darlle unha volta, ser creativos e aproveitar o día 6 para organizar unha festa coa que despedir o Nadal de Poio por todo o alto".

Na comitiva participarán todas as ANPAS dos colexios de Poio, así como membros das comparsas e batukadas locais. "Este é o Nadal máis participativo que tivemos en Poio, contamos cos colectivos e coas entidades durante toda a programación, nas máis de 50 propostas que fixemos ao longo de todo o mes, e rematamos como comezamos, involucrando e contando con toda a veciñanza, recuperando os valores máis importantes destas festas e cun Nadal de todos e para todos", valorou Moldes, quen animou a veciñanza a participar nesta festa "que pon o broche de ouro a un Nadal Máxico en Poio". Ademais, o Concello conta tamén coa colaboración de empresas como Froiz, San Marcos, Abanca, Autos Sercar, Grupo Rofer, Asociación de Vehículos Clásicos AVA e JSD.SL na cabalgata.

Cortes de tráfico dende as 17.00 ata as 20.00 horas

Con respecto ao dispositivo de seguridade que se porá en marcha o sábado 6, día no que haberá afección ao tráfico a causa da cabalgata, cortarase o traxecto do percorrido dende as 17.00 horas ata, aproximadamente, as 20.00 horas, así como os diferentes accesos secundarios que dan á zona do desfile.

Permitirase aparcar en todo o percorrido, agás en dous lugares puntuais nos que se espera unha maior aglomeración de persoas, segundo aclararon dende o Goberno local, pero, en todo caso, tamén estarán dispoñibles os aparcamentos disuasorios do Concello de Poio para que non haxa ningún tipo de dificultade. Iso si, aclararon, os vehículos aparcados no traxecto non poderán mobilizarse durante este horario.

Todo o tráfico que queira desprazarse entre Pontevedra e Sanxenxo desviarase pola estrada de Vilagarcía e a VG-4.8.

Comentarios