Poio permitirá a ocupación de prazas ou xardíns para as terrazas

Os locais poderán solicitar esta ampliación garantindo a distancia de seguridade entre mesas e ata un límite que non supere o aforo
O alcalde, Luciano Sobral, e a concelleira Silvia Díaz durante a reunión telemática cos hosteleiros. CEDIDA
photo_camera O alcalde, Luciano Sobral, e a concelleira Silvia Díaz durante a reunión telemática cos hosteleiros. CEDIDA

O Goberno municipal de Poio trasladou na mañá deste mércores a varios profesionais do sector da hostalería e restauración os detalles do documento a través do cal se permitirá a ampliación da instalación de terrazas. Os establecementos deberán informar da ocupación realizada, xunto coa declaración responsable e fotografías ou planos sinalando os espazos nos que queren instalar as mesas e cadeiras. A Policía Local e os departamentos de Urbanismo e Apertura de Actividades serán os encargados de informar sobre a viabilidade de cada proposta.

En canto á utilización do espazo público municipal, o documento sinala que os establecementos interesados poderán gozar desta ampliación de xeito gratuíto, ata que desaparezan os condicionantes e restricións da actividade, respectando as distancias de seguridade ás zonas transitadas por peóns. Ademais, os locais poderán solicitar a ampliación da superficie de terraza que permita a distancia de seguridade entre mesas ou agrupación das mesmas, ata un límite que non supere o número que establece o seu aforo. Tamén se permitirá temporalmente ocupar o dominio público que dea a fachadas doutros edificios non comerciais, respectando accesos e distancias de seguridade, así como parques, prazas ou xardíns.

Con respecto aos espazos privados, poderanse utilizar xardíns, hortas ou patios interiores. Non se permitirá o uso de aparatos reprodutores de imaxe ou son, así como o peche do solo público. Si se contemplan os parasoles de cores neutras e mamparas separadoras transparentes, sen publicidade nen anclaxes.

En canto á hixiene, deberase proceder á limpeza e desinfección das mesas e cadeiras entre un cliente e outro e, preferiblemente, utilizaranse manteis dun só uso. Entre outras medidas, porase a disposición do público dispensadores de xel hidroalcohólico se eliminarán os produtos de autoservizo. As tarefas de limpeza desinfección levaranse a cabo, como mínimo seis veces ao día e haberá quendas para o persoal.

Comentarios