O concello de Poio pide á Xunta manter as condicións do pantalán de Combarro

O Concello instará á Xunta, a petición do Clube Mariño A Reiboa, para facilitar a creación dunha mariña tradicional
O pantalán de embarcacións tradicionais en Combarro. CLUBE A REIBOA
photo_camera O pantalán de embarcacións tradicionais en Combarro. CLUBE A REIBOA

O Concello de Poio instará á Xunta de Galicia a manter as condicións da autorización do uso do pantalán de embarcacións tradicionais existente no Peirao da Chousa, en Combarro, e que facilite a creación dunha mariña tradicional neste emprazamento. A medida foi aprobada de xeito unánime no último Pleno ordinario da Corporación, a petición do Clube Mariño A Reiboa dende o cal, o seu presidente, Joaquín Fabeiro, amosou o seu agradecemento pola "receptividade de todas as forzas políticas, que viron esta necesidade claramente, a difrenza doutros concellos": 

A proposta aprobada lembra que foi no ano 2011 cando Portos de Galicia procedeu á construción dun pantalán exclusivo para embarcacións tradicionais, e que "foi cedido ao CM A Reiboa". Segundo se recolle no documento, foi en 2017 cando se produciu unha modificación con respecto ás autorizacións anteriores, ao engadirse o pago dunha taxa "que ata entón non se facía efectiva e que supón unha merma importante para unha entidade sen ánimo de lucro que desenvolve un labor crucial no mantemento e divulgación da tradición mariñeira". Segundo explicaron no Pleno, na actualidade estase renovando a autorización de ocupación do pantalán, "sen que, de momento, se coñezan as condicións particulares desta renovación". 

A moción solicita ao Parlamento de Galicia que se sume a esta petición, facéndoa extensible ao resto de instalacións. Ademais, insta á Consellería de Cultura a que desenvolva o Decreto 52/2019. A petición inclúe a solicitude a Portos de que manteña as condicións da autorización de ocupación do pantalán, eximindo do pago da taxas, ou que sexa bonificada ao 100%.

Comentarios