Os concellos de Poio, Ponte Caldelas e Pazos de Borbén activan este venres o prendido do alumeado de Nadal que, no caso de Poio, conta con preto de 300 motivos de diferente tipo, repartidos polas cinco parroquias do municipio. A Covid-19 motivou que a Concellería de Cultura, dirixida por Raquel Rodríguez, aposte por unha fórmula diferente á doutros anos para que a veciñanza poida asistir ao acto, nesta ocasión apóstase pola vía telemática para promocionar o prendido de Nadal. Será a través dun vídeo que se colgará nos perfís oficiais das redes sociais do Concello de Poio, así como na súa canle de Youtube, no que, ademais de ofrecer este acto, tamén se incluirá unha intervención do alcalde, Luciano Sobral. A concelleira de Cultura valorou que "na situación na que nos atopamos faise máis necesario ca nunca axudar a manter o espírito destas festas, pensando sobre todo nas crianzas e tratando de axudar a dinamizar a actividade nos sectores castigados pola pandemia".
Pola súa parte, o acendido de Ponte Caldelas terá lugar ás 19.00 horas, contando, este ano, con máis elementos decorativos que o pasado ano.
Pazos de Borbén farao 15 minutos antes, e contará cunha tirada de fogos artificiais.