Poio e Ponte Caldelas xa presumen das súas bandeiras azuis litorais e fluvial

Os dous concellos gozan dunha única enseña de Adeac nos espazos de baño de Cabeceira e de A Calzada, respectivamente

Izado da bandeira azul en Ponte Caldelas. D.P.
photo_camera Izado da bandeira azul en Ponte Caldelas. D.P.

O Concello de Poio celebrou este luns o izado das bandeiras azuis que lucirán nas praias deste municipio durante o verán. O alcalde, Luciano Sobral, acudeu ao acto de "posta de longo" que se celebrou na Praia de Cabeceira. Ademais do programa de bandeiras azuis, Poio apostou este ano por reforzar o seu abano de praias sen tabaco. Así, no programa Praias sen fume intégranse os arenais de Cabeceira, Xiorto, Laño, Area da Barca, As Sinas, Raxó e Lourido, aumentando ata sete sobre os tres que había o ano pasado.

En Ponte Caldelas a bandeira azul da praia fluvial da Calzada tamén se pode atopar no seu lugar desde o luns. Este espazo é o único recinto fluvial de toda España co distintivo de calidade que outorga anualmente a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC). O Goberno local caldelán destaca que a bandeira ondeará ata mediados de setembro, pois o Concello de Ponte Caldelas ampliou a súa temporada de baño para garantir a cobertura das tres prazas de socorristas e ofrece tódolos servizos necesarios entre o 15 de xuño e o 15 de setembro.

A praia fluvial de Ponte Caldas única de España con distintivo de calidade

A praia da Calzada estrea este ano unha ducha, dotada tamén con lavapés, para que os seus usuarios podan utilizala tralo baño. Está situada ao lado do areeiro, nunha cómoda situación. Ao mesmo tempo, nos últimos días procedeuse a unha limpeza e acondicionamento xeral de toda a zona, incluíndo a reparación de tódalas pasarelas, bancos e elementos de madeira da contorna.

Finalmente, o Goberno local está a rematar o procedemento administrativo para a adxudicación da explotación do quiosco, procedemento que agarda ter finalizado para mediados de xullo. Ponte Caldelas tamén dispón do distintivo de sendeiro azul para o roteiro que parte da praia e discorre pola zona entre a Calzada e Caritel.

Comentarios