Poio prepara as tres citas máis importantes do seu Entroido

O desfile, a pasarela de comparsas e o enterro de Fodorico celebraranse esta fin de semana
Enterro do Galo Fodorico do pasado ano. RAFA FARIÑA
photo_camera Enterro do Galo Fodorico do pasado ano. RAFA FARIÑA

Se o mal tempo non o impide, o Entroido terá continuidade esta fin de semana en Poio con tres grandes propostas: a festa familiar e pasarela de comparsas, que se celebra o venres nunha carpa instalada na Seca; o desfile e concurso de disfraces en Campelo, e o enterro do Galo Fodorico e festa Choqueira na praza do Mosteiro.

Aínda que recoñecen que están pendentes das previsións do tempo, o alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, acompañaron á presidenta da AVC Ronsel, Elena Barral, na presentación da programación do enterro do Galo Fodorico e da festa Choqueira.

A primeira cita é mañá, día 23. A festa familiar de Entroido, coa actuación da Gran Barafunda Animación, comeza a partir das 18.00 horas. E xa ás 21.00 horas, tamén na carpa da Seca, comezará a pasarela coa exhibición de comparsas locais e convidadas, entrega de mencións especiais e animación musical.

Xa o sábado, ás 12.00 horas, recupérase o desfile de Entroido, con saída desde a Biblioteca Municipal e remate na Praza da Granxa, en Campelo. Alí será o fin de festa matinal con animación musical e entrega de premios aos mellores disfraces. Os participantes en categorías infantil e por parellas aínda están a tempo de participar no concurso, xa que poden anotarse o propio sábado, na biblioteca, entre as 9.30 e as 11.00 horas.

O Concello introduciu novidades importantes na programación do Entroido, como o horario de mañá ou un percorrido máis cómodo, que facilitou que comparsas e grupos de toda a provincia se anotasen para participar no desfile. Hai nove comparsas confirmadas para participar tanto na pasarela de Entroido do venres como no desfile do sábado, e ata trece grupos inscritos para o desfile.

Con respecto aos premios, repartiranse 4.450 euros e as categorías nas que se pode concursar son individual, parella ou grupo, tanto en infantil (ata 14 anos) como adultos (desde os 15 anos). Os grupos, terán como mínimo tres participantes que deberán gardar unha unidade temática; poderán ir acompañados de carroza ou plataforma móbil. A estes premios que outorga o Concello hai que engadir o premio de 200 euros en vales que outorgará a asociación EnPoio ao disfrace máis elaborado.

Xa pola tarde, será a quenda do enterro do Galo Fodorico. O cortexo fúnebre sairá ás 21.00 horas desde os Canos ata a Praza do Mosteiro, onde será incinerado en presencia das comparsas locais. Posteriormente celebrarase a Festa Choqueira, coa actuación do Dúo Arena e degustación de chocolate con biscoito.

Plan de tráfico para o Entroido de Poio

O sábado, con motivo do Desfile de Entroido entre a Biblioteca Municipal e a Praza da Granxa, o tráfico permanecerá pechado en todo o traxecto entre as 10.30 e as 15.00 horas.

Quedarán cortados os accesos desde a PO-308 cara rúa Castelo, que se desviará cara o Camiño Real do Casal e só poderán acceder cara Campelo os participantes.

Tamén haberá corte de rúa desde o Porto de Campelo cara a Rúa Padre Avelino e en Pedro Soto Couselo desde Camiño Zapateiro cara a Praza da Granxa.

Ademais, queda prohibido estacionar en todo o percorrido.

Comentarios