Poio prepárase para a batería de obras da recuperación, que acadará os 5,5 millóns

O Concello proponse iniciar este ano un "zafarrancho" de actuacións aproveitando a maior capacidade de crédito
Reforma de Ramón Encinas, en Poio. DP
photo_camera Reforma de Ramón Encinas, en Poio. DP

O Concello de Poio, a través do seu Goberno tripartito, vai apretar o acelerador despois do paso do ecuador do mandato, facendo coincidir parte dos seus plans xa anunciados no programa electoral, con outros novos investimentos, conseguidos, en parte, grazas ao cambio nas políticas económicas marcado polo Goberno central, ao alixeirar a normativa de gasto e aforro munipal para favorecer a recuperación económica na saída da crise provocada pola pandemia.

A piques de chegar ao ecuador do mandato vixente, o equipo de BNG, PSOE e Avante Poio, considera que neste obxectivo será moi importante a inxección económica para sacar adiante unha batería de actuacións, obras e proxectos "que servirán para dar resposta a demandas históricas nas cinco parroquias e mellorar, en definitiva, a calidade de vida da veciñanza", afirman

En canto ás cifras que compoñen esta inxección económica, o Goberno Local calcula que serán preto de 5,5 millóns de euros os que se investirán para completar a folla de ruta marcada para o presente ano.

A cantidade total vén de sumar os 565.000 euros que se contemplan nos Orzamentos municipais no apartado de Investimentos, aos 1,4 millóns do Remanente de Tesourería, correspondente á liquidación das contas do 2020, e aos 2,7 millóns de euros do préstamo recentemente aprobado, cuns intereses do 0% e que se adquire, insiste o Concello, sen poñer en risco a estabilidade financieira da Administración municipal.

Á marxe desas cantidades hai que engadir os 743.000 euros do Plan Concellos da Deputación Pontevedra, correspondentes á convocatoria de 2021, que se utilizarán para levar a cabo importantes obras de humanización e mellora de servizos básicos.

Ademais, o Goberno local destinará máis de 600.000 euros para abordar convenios con outras administracións, de cara a darlle pulo a actuacións tan necesarias como é o caso de reforma integral da PO-308 ao seu paso polo núcleo de San Salvador (Andurique, Porteliña e A Barca), de titularidade da Xunta de Galicia.

O equipo de Luciano Sobral indica que 300.000 euros serán para responder a este acordo coa Consellería de Infraestruturas.

Ademais, tamén se gardan 164.000 euros destinados á obtención de fondos para rehabilitar e humanizar a rúa Ramón Encinas, nas inmediacións do peirao de Raxó, á espera tamén de que Portos de Galicia cumpra o compromiso adquirido de mellorar o espazo da súa titularidade nesta zona.

A actuación implicaría a reforma a dúas bandas da fachada marítima do punto máis turístico do Concello e cumpriría misións de mellora estética, de seguridade vial e renovación de servizos como as canalizacións, fundamentais para manter o litoral libre de vertidos neste punto.

Nesta liña tamén se inclúen cantidades para convenios destinados a rehabilitar puntos do casco histórico de Combarro ou diferentes núcleos do rural, como é o caso de Xuviño.

Outra importante partida de fondos destínase á construción e reforma de diferentes instalacións deportivas, entre as que destaca a implantación de cuberta para as pistas de tenis de Monte Baldío ou o cambio de céspede do terreo de xogo da Reiboa.

A inxección económica tamén permitirá melloras en equipamentos como o Centro Cultural Xaime Illa de Raxó, a Casa Museo de Colón o Casal de Ferreirós ou reformas na biblioteca de Campelo, así como a creación de novos espazos destinados principalmente a aparcadoiros, ou parques infantís.

AFECTADOS POLA CRISE. Outra das grandes partidas desta bolsa económica é a que o Goberno municipal vai destinar a compensacións para empresas dos sectores afectados directamente pola crise sanitaria. O Concello reuniuse esta semana con unha representación dos empresarios e autónomos afectados. Hai unha achega de 150.000 euros para estas compensacións, que se nutrirá de 100.000 euros provintes de fondos municipais e outros 50.000 euros dunha achega da Deputación de Pontevedra.

O Concello comprometeuse esta semana a estudar a opción de que aqueles negocios que viron reducida a súa facturación nun 50% ou máis en 2020, en comparación co ano 2019, teñan acceso ás axudas máis altas (ata un máximo de 1.000 euros), e que tamén se ofrecerán contías para empresas e autónomos dos sectores afectados polas restricións que demostren que a súa facturación caeu entre un 35 e un 50%.

Reforma de Ramón Encinas


Un total de 164.000 € quedarán inmobilizados á espera do acordo con Portos para a mellora integral do vial da praia de Raxó.

Canchas cubertas en Raxó


Os investimentos permitirán cubrir as pistas de tenis de Monte Baldío (290.000 €) e renovar o céspede do campo da Reiboa (200.000 €).

Un salto para o Pazo Besada


Unha partida de máis de medio millón de euros, neste caso de fondos provinciais, permitirá acondicionar o interior do pazo de San Salvador.

Pazo Besada

A arteria de San Salvador


A achega de 300.000 € axudará a abordar os gastos que xenere o acordo coa Xunta para mellorar Andurique, Porteliña e A Barca.

Accesibilidade e melloras


Con 150.000 € acometeranse melloras nos locais do Xaime Illa, o Museo de Colón, Casal de Ferreirós, e a Biblioteca, entre outros.

Comentarios