Poio pretende uns impostos "máis xustos" con exencións e bonificacións

As herdanzas en vida e o IBI de familias numerosas terán o 50% de bonificacións ►Aplicarase unha suba do 25% a vivendas baleiras
O edil de Facenda, Xulio Barreiro. DP
photo_camera O edil de Facenda, Xulio Barreiro. DP

A Comisión de Facenda que se celebrará este mércores abordará unha proposta elaborada polo Goberno municipal de Poio de cara a habilitar uns impostos que sexan "máis equilibrados e máis xustos", ademais de redundar no obxectivo de reducir a pegada do carbono no municipio. Así o explica o concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, que adianta que no vindeiro Pleno ordinario, que se celebrará o 29 de decembro, proporase a aplicación de bonificacións en diferentes impostos.

Algunhas destas novidades xa foran adiantadas polo responsable deste departamento na sesión plenaria de novembro. Unha delas ten que ver coa bonificación do 50% que se aplicará no recibo do IBI a aquelas familias numerosas cuxa declaración da renda anual sexa inferior aos 30.000 euros. Tamén se contemplan bonificacións para empresas do sector agrario. Pola contra, incrementarse o imposto nun 25% única e exclusivamente en vivendas que se atopen baleiras. Barreiro recalca que só se aplicará esta suba en inmobles que estean sen uso, polo que non afectará nin a vivendas arrendadas nin aquelas que conten con xente empadroada no enderezo en cuestión. "É unha cuestión de xustiza que paguen menos impostos aquelas persoas e familias que se atopan nunha situación económica máis difícil, especialmente nestes tempos. Non ten sentido que afronten o mesmo tipo de imposto unha familia numerosa cuns ingresos anunais modestos que alguén que se pode permitir dispor dunha segunda vivenda sen darlle uso", indica o edil do Goberno local.

Por outra banda, haberá tamén bonificacións para vivendas construídas antes do ano 2007 que non conten con elementos e sistemas que garantan o aforro enerxético, pero que se contemple o a súa instalación, como poderían ser, por exemplo, os paneis solares.

Outra modificación que se prevé aprobar no Pleno ordinario de decembro ten que ver coas plusvalías. O Concello aplicará unha bonificación do 50% para as herdanzas que se realicen en vida (ata o de agora víñase aplicando só en caso de traspaso de titularidade por falecemento). Por último, o Goberno municipal de Poio tamén quere incentivar o uso de vehículos que sexan respectuosos co medio ambiente e limiten a emisión de contaminación. É por iso polo que establecerán bonificacións do 50% no imposto de vehículos para os e as propietarias de automóbiles híbridos. Ademais, quen conte cun vehículo 100% eléctrico quedará exento de pagar este recibo. Para o resto de vehículos contémplase un incremento do 10%, quedando "na media da provincia de Pontevedra".

conxelación. O concelleiro de Facenda sinalou que, á marxe destas novas bonificacións, o Goberno municipal prevé manter a súa filosofía de conxelar taxas municipais, unha liña que se ven marcando de forma continuada desde o ano 2013. "Neste eido non contemplamos subas da presión fiscal, tal e como vimos facendo desde hai practicamente unha década", sinala o responsable deste departamento, que, deste xeito, nega que se vaia a producir unha suba xeneralizada dos impostos, "como pretende facer crer o Partido Popular". "Non haberá grandes cambios, o que estamos a facer é ser máis equitativos á hora de aplicar bonificacións, ao mesmo tempo que queremos marcar unha liña máis beneficiosa desde o punto de vista medioambiental", asegurou.

Comentarios