viernes. 04.12.2020 |
El tiempo
viernes. 04.12.2020
El tiempo

Poio, primeiro municipio galego en rexeitar a caza do raposo

Reacción dun dos presentes, ante a resolución do Pleno. GONZALO GARCÍA
Reacción dun dos presentes, ante a resolución do Pleno. GONZALO GARCÍA
A moción foi aprobada entre as queixas dos cazadores, que segundo Libera chegaron a dedicarlle insultos a Silvia Díaz como "perra" ou "zorra"

O Pleno do Concello de Poio aprobou este martes a moción presentada por Avante Poio en rexeitamento aos "mal chamados campionatos de caza do raposo". A moción, a primeira impulsada por un concello galego, foi aprobada por nove votos a favor por parte do BNG, PSOE e Avante Poio e oito votos en contra por parte do PP.

Ao pleno asistiron cazadores e representantes deste colectivo, ademais do vicepresidente da Federación Galega de Caza, Luis Eusebio Fidalgo. O propio Fidalgo, quen espuxo a postura do colectivo ante o Pleno, non dubidou en sinalar que "la caza del zorro es una actividad cinegética muy controlada, que contribuye al equilibrio de las poblaciones".

A isto contestou a líder de Avante Poio, Silvia Díaz, quen aclarou que "non hai evidencias de superpoboación", polo que o argumento carece de "rigor científico".

Díaz, nun clima de críticas por parte dos representantes do colectivo de cazadores que asistiron ao Pleno, e que se intensificou tras a aprobación da moción, salientou o negativo da presenza intensiva dos cazadores "para o ecosistema" e o factor contaminante do chumbo das municións.

LIBERA. Pola súa parte, a asociación animalista Libera aplaudiu a iniciativa poiense, resaltando que as "macrocacerías" se realizan "sen ningún tipo de censo ou estudo científico previo sobre un mamífero que desenvolve unha actividade importante para o medio natural, como a depredación de pragas".

Ademais, os animalistas apuntan a que concellos como os de Pontevedra e Vilagarcía e deputacións como a pontevedresa e as da Coruña e Lugo poderían sumarse pronto ao exemplo de Poio con idénticas mocións.

"PERRA" E "ZORRA". Por último, Libera denunciou este xoves mediante un comunicado a actitude dos cazadores que acudiron o martes ao consistorio poiense. Segundo a asociación, os manifestantes chegaron a insultar a Silvia Díaz, única edil de Avante Poio –a formación que impulsou a iniciativa–, con palabras como "perra" ou "zorra".

"Para os defensores dos animais estas actuacións non son unha novidade, e lembran como os escopeteiros ameazaron con comerse a escopeta a activistas que protestaban contra os campionatos en Triacastela e Láncara ou como noutras edicións chegaron a agredir a xornalistas e camarógrafos sen ningún tipo de castigo administrativo ou penal", concluíu Libera.

Poio, primeiro municipio galego en rexeitar a caza do raposo
Comentarios