martes. 30.11.2021 |
El tiempo
martes. 30.11.2021
El tiempo

Poio prorroga o contrato do SAF, que atende actualmente a 68 usuarios

As dependencias da Casa Rosada atenden as demandas de usuarios. B.C.
As dependencias da Casa Rosada atenden as demandas de usuarios. B.C.
O novo documento sacarase a concurso a principios de ano, e contemplará "algunhas novidades con respecto ao servizo actual" ► A partida ascendeu aos 490.000 euros este ano

O actual contrato que rexe o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) en Poio permanecerá vixente ata o vindeiro 31 de xaneiro de 2022, a través dunha prórroga aprobada no último Pleno da Corporación municipal, aínda que haberá cambios a curto prazo. Neste sentido, dende a concellería de Benestar Social e Igualdade que dirixe a socialista Rosa Fernández, vense de anunciar que as previsións do Goberno local pasan por sacar a concurso o novo contrato a principios de 2022 e que este incluirá "algunhas novidades con respecto ao servizo actual".

Dende este departamento xa se atopan traballando na elaboración do novo prego de condicións que, agardan, estará listo "en pouco tempo". Neste sentido, Benestar Social e Igualdade non perde de vista a boa marcha do servizo, que actualmente usan 68 persoas no municipio. "Estamos a falar dunha prestación que resulta totalmente indispensable para numerosas familias de Poio", explicou Rosa Fernández. De todos eles, 54 corresponden ao apartado de dependencia, mentres que os 14 restantes corresponden a libre concorrencia.

A partida destinada ao Servizo de Axuda no Fogar de Poio viuse incrementada este ano, cunha diferenza notable con respecto ao anterior, e que acadou os 490.000 euros en 2021, é dicir, 90.000 euros máis que en 2020. Tal e como explicara a edil de Benestar Social e Igualdade en entrevista con este medio, a partida tivo que aumentar "ao ritmo das demandas". Segundo Fernández, este incremento das demandas tivo moito que ver cun cambio na tendencia de cara aos coidados na vellez que se está a facer visible nos últimos tempos, e que vai parello á Lei de Dependencia. Segundo a edil, "cada vez hai máis persoas maiores e as familias cada vez queren quedar máis nas casas. Con esta axuda son quen de resolver os problemas cotidiáns nos seus domicilios", sinalou.

A partida destinada durante o ano en curso representa, xunto ás axudas a pagos de alugueiros e hipotecas, as cantidades que máis medraron no orzamento global de Servizos Sociais, que tivo que ir sumando fondos ata acadar os 1,2 millóns de euros este ano, xa que as demandas de axudas agraváronse a causa da pandemia.

Rosa Fernández lembrou que as persoas interesadas en obter máis información sobre os detalles do Servizo de Axuda no Fogar, e outros deste departamento, poden asesorarse chamando á Casa Rosada, ao número de teléfono 986872401.

ACTIVIDADES. A concelleira de Benestar Social e Igualdade tamén lembrou que segue aberto o prazo de inscrición para anotarse na ampla programación de actividades desenvolta por este departamento, que comezará a partires do vindeiro mes de outubro e que se realizará ata o o final do primeiro semestre de 2022. A oferta inclúe a recuperación do formato habitual de citas emblemáticas como o Programa Saudemente, pensado para persoas maiores de 60 anos e que se celebra en diferentes emprazamentos de todas as parroquias do municipio, ou os cursos de cociña, talleres de tai-chi e de exercicio saudable.

Poio prorroga o contrato do SAF, que atende actualmente a 68 usuarios
Comentarios
ç