Poio quere aprobar no Pleno deste mes a ordenanza para impulsar o galego

O Concello vén de renovar o convenio coa Mesa de Normalización Lingüística
Unha das accións de promoción do galego no anterior mandato. G.GARCÍA
photo_camera Unha das accións de promoción do galego no anterior mandato. G.GARCÍA

O Concello de Poio vén de aprobar, en Xunta de Goberno Local celebrada este martes, a achega que se realizará este ano para soster o convenio de colaboración coa Mesa de Normalización Lingüística.

Este acordo, que vén funcionando desde o ano 2017, permite que o Concello poiense conte co apoio da Mesa para a realización de distintas actividades así como para o asesoramento en caso de que o precise en temas relacionados co uso da língua. Asemade, esta cooperación inclúe o dereito a contar con desconto en actividades promovidas pola Mesa e enfocadas ao ámbito escolar e estudiantil.

DO ANO 99. O Concello de Poio, que achega anualmente 1.800 euros a este convenio, renova o seu pacto coa Mesa de Normalización nun mes que promete ser crucial para o impulso do galego no ámbito municipal. O Concello someterá a debate no Pleno ordinario a aprobación da nova Ordenanza Municipal para o Impulso do Galego, un texto que toma o relevo da ordenanza do ano 99 e que pretende favorecer o uso normalizado do idioma nos ámbitos oficiais que dependan do Concello e nos eidos sociais nos que o galego se ve en retroceso con respecto ao castelán.

Así, indica a responsable de área, Marga Caldas, o novo marco regulamentario vai permitir "que traballemos de xeito tranversal, con todas as concellerías, para favorecer o uso do galego da mellor maneira en cada unha das áreas de Goberno e desde cada unha delas cara á veciñanza". Esta será unha das primeiras accións que o Goberno local promoverá, unha vez que se lle dea a aprobación á ordenanza.

A concelleira tamén sinala a importancia que poderá acadar, unha vez aprobada esta normativa, o traballo que se quere poñer en marcha nos próximos anos para recuperar a toponimia autóctona en todo o termo municipal, algo para o que será preciso un plan específico no que a cidadanía terá un papel destacado.

Comentarios