Poio quere ter rematada a reforma do Pazo Besada a inicios do ano que vén

Esta semana comezaron as obras e deixou de usarse a finca como aparcadoiro, ao ser substituída polo espazo de Camiño das Bocas
Chelo Besada, no centro, con Gregorio Agís, na visita ás labores de inicio das obras. DP
photo_camera Chelo Besada, no centro, con Gregorio Agís, na visita ás labores de inicio das obras. DP

A empresa Construcciones Abal, adxudicataria das obras de reforma do Pazo Besada, iniciou esta semana os traballos de remodelación das históricas dependencias da parroquia de San Salvador, cun orzamento que ascende a preto de 530.000 euros, IVE engadido e que suporán o paso definitivo de cara a recuperación da histórica casa señorial.

A tenente de alcalde, Chelo Besada, e o concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, Gregorio Agís, pasaron revista ao comezo dos labores, unas obras que se financian ao abeiro dunha axuda concedida polo Plan Concellos da Deputación, correspondente á convocatoria de 2020.

A colocación de andamios e a limpeza da fachada exterior do edificio principal para localizar posibles filtracións, eliminando deste xeito acumulacións de humidade no interior son as primeiras tarefas desta reforma.

O proxecto contempla ademais, a dotación dun novo sistema de calefacción, iluminación e outros servizos, ademais da reparación de tabiques. Os traballos servirán, asemade, para dotar ás instalacións dunha sala para eventos, espazos de lecer para persoas maiores, unha aula de lectura e oficinas.

Esta actuación considérase "prioritaria" para o Goberno local e serve para dar continuidade aos traballos de acondicionamento exterior levados a cabo na finca hai uns anos.

APARCAMENTO. Unha vez estea lista a reforma, (o Goberno local calcula que, se ningunha outra cousa o impide, os traballos poderán rematar a inicios do 2022 ou a finais deste mesmo ano), trasladarán as dependencias de Servizos Sociais e o CIM a estas instalacións.

Por outra banda, os dirixentes municipais anuncian que, durante o desenvolvemento das obras, e para facilitar o labor dos operarios, non se poderá estacionar na finca de Besada como se facía ata o momento.

Neste sentido, a propia Chelo Besada recorda que desde hai xa varias semanas está a disposición da veciñanza o novo aparcadoiro disuasorio habilitado polo Concello de Poio nunha parcela situada entre os vieiros de Camiño das Bocas e a Rúa Palestina, en pleno núcleo de San Salvador e preto desta zona.

"É un espazo que pode dar cabida a preto de 300 vehículos, cun emprazamento axeitado, xa que se atopa nas proximidades da propio Pazo e doutros puntos de interese, como poden ser o Quironsalud ou o centro educativo da Galiña Azul", aclarou a tenente de alcalde no transcurso da visita de onte.

Comentarios