Poio ratifica cun informe que nunca aplicou a suba do IBI a segundas vivendas baleiras

O Goberno deu conta no Pleno da aplicación da sentenza do TSXG que anulaba esa medida, pero especificou que xa nunca fora implementada
Xulio Barreiro, edil de Facenda. DP
photo_camera Xulio Barreiro, edil de Facenda de Poio. DP

As segundas residencias baleiras de Poio nunca chegaron a pagar un 25% máis de IBI. Así o constatou o Goberno municipal no Pleno do martes, no que tiña que dar conta da aplicación da sentenza que declaraba nulo este punto. O fallo do TSXG chegou a instancias do PP, que denunciou a medida no seu día e afeou a ilegalidade ao Goberno municipal en diversas ocasións, aínda que en realidade, nunca se chegou a aplicar ese imposto. Deste xeito, o tripartito deu a coñecer o mmartes un informe elaborado polos departamentos de Tesourería e Intervención, no que se constata que a recarga do 25% no recibo de IBI en segundas vivendas baleirasnunca se chegou a facer efectiva. Trátase, insiste o Concello, dunha medida pola que se apostou para fomentar o arrendamento e afianzar a poboación censada. Sinalan tamén que antes da sentenza a medida xa fora descartada pola modificación feita polo Estado na Lei de Vivenda, que prometía actuar sobre este aspecto.

Tal e como consta no documento, o recargo declarado ás vivendas, declarado nulo pola sentenza do TSXG, "non foi aplicado en ningún suposto, polo que non procede a tramitación de devolución de ingresos" sinalada en dita sentenza.

Este é un dos feitos nos que incide o equipo de Goberno, xa que, se ben inicialmente se deu pulo a esta medida, xunto a outras bonificacións, para consolidar uns impostos "xustos, progresivos e equitativos", meses despois da súa aprobación finalmente optouse por descartar a suba, logo de que a nova Lei de Vivenda só permita aplicar este recargo a grandes propietarios; é dicir, aqueles que dispoñen de varios inmobles. 

Tamén insisten en que desde o primeiro momento o Goberno local deixou claro que este 25% só sería aplicable a aquelas vivendas que estivesen baleiras, polo que non afectarían a aquelas que estivesen alugadas ou con habitantes censados no concello. "Buscabamos un dobre obxectivo con esta fórmula. Por unha banda, incrementar o número de poboación censada en Poio, algo que conseguimos, en vista do importante aumento de persoas rexistradas no Padrón en 2021 e 2022, nos que pasamos de algo máis de 17.000 habitantes a consolidarnos por riba dos 17.300", explicou no Pleno  concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, que lembra a importancia que ten este dato, "habida conta de que moitas axudas e subvencións dependen en gran medida da poboación dos concellos". 

A maiores, tamén se pretendía fomentar e incrementar o alugamento de vivenda. Con respecto á sentenza xudicial, o Goberno municipal lembra que o TSXG baséase no feito de que "a definición que fai a Xunta de Galicia fai de vivenda está aprobada en base a un decreto e non por lei", unha cuestión da que nin sequera fixo mención o PP á hora de presentar o seu recurso contra a medida, que en todo momento contou cos informes favorables pertinentes. Os dirixentes poienses recalcan, asemade, que foron varios os concellos de Galicia que quixeron apostar por esta fórmula para dar uso ás segundas vivendas baleiras. É o caso, por exemplo, de Marín, que chegou a aprobar unha recarga do 50%.

"O Partido Popular desde o principio foi perfectamente consciente de que esta  modificación do IBI nunca se chegou a facer efectiva, pero no seu afán de confundir á cidadanía co único obxectivo de xerar desgaste mesmo chegou a asegurar que o recargo entrou en vigor ao mesmo tempo que o resto de bonificacións aprobadas neste 2022, algo que non é certo e que os informes técnicos así o corroboran", finaliza o Goberno local. Nembargantes, si están operativos os descontos do IBI para familias numerosas con rendas inferiores aos 30.000 euros anuais (50%), para vivendas construídas antes de 2007 que apostan pola instalación de sistemas de eficiencia enerxética (25%) ou para explotación agrarias.

O PP, pola súa parte, defendeu no Pleno a teoría de que o tripartito sempre quixo aplicar a medida ata que esta se ilegalizou por parte do TSXG. "Por iso encargaron un informe para a súa defensa en lugar de aforrarlle os cartos ao erario municipal", indicou Ángel Moldes.

Comentarios