Poio reabre o martes o Punto Limpo Móbil e dótao con xel hidroalcólico

O Concello recomenda o uso de máscaras ao empregar a instalación, que retomará a súa ruta itinerante en Chancelas
O Punto Limpo Móbil de Poio. DP
photo_camera O Punto Limpo Móbil de Poio. DP

O Concello de Poio anunciou esta fin de semana que o Punto Limpo Móbil retomará a súa actividade nesta semana. En concreto, o dispositivo estará operativo a partir deste martes co horario que estaba previsto. Así, entre o 19 e o 21 o depósito permanecerá instalado na Avenida de Chancelas, na explanada situada á altura do acceso desde a PO-308 ao CEIP Chancelas e o cemiterio municipal. O servizo permanecerá activo entre as 9.00 e as 14.00 horas.

A responsable de área, Chelo Besada explica que a reapertura do Punto Limpo Móbil pódese levar a cabo nesta fase 1 do proceso de desescalada, toda vez que durante as primeiras semanas de confinamento os desprazamentos para utilizar este dispositivo non figuraba entre os de primeira necesidade.

A tenente de alcalde confirma que se tomarán as medidas hixiénicas e de distanciamento pertinentes. Deste xeito, o operario encargado de xestionar a instalación utilizará o material necesario de protección, incluídas máscara e guantes. Os usuarios e usuarias contarán con xel hidroalcólico para aplicar ao empregar a instalación. Chelo Besada fai un chamamento á cidadanía para que tamén faga uso de mascarillas e cumpra coas distancias de seguridade.

A vindeira semana pasará a colocarse na Praza Alfredo Romay de Samieira (os días 26 e 27) e na Rúa Leopoldo Nóvoa de Raxó (28 e 29). De cara ao mes de xuño, permanecerá operativo en Lourido (San Salvador) entre o 2 e o 4 de xuño, mentres que na Seca estará aberto os días 9, 10 e 11.

Este servizo, de carácter gratuíto, está a disposición de toda a veciñanza e serve para depositar residuos voluminosos e perigosos do fogar, garantindo o seu tratamento axeitado. Entre o que se pode depositar inclúense mobles, restos textís, madeira, chatarra, vidro, plásticos e Residuos de Aparatos Eléctricos e Electrónicos.

Comentarios