domingo. 19.09.2021 |
El tiempo
domingo. 19.09.2021
El tiempo

Poio reactiva o proxecto da senda costeira que unirá o municipio con Pontevedra

O paseo Lourido-Saíñas decorrerá por terreos cedidos por particulares. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
O paseo Lourido-Saíñas decorrerá por terreos cedidos por particulares. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
As concellerías de Urbanismo e Obras e Servizos, do grupo local do PSOE, iniciaron os contactos cos propietarios de terreos en Lourido para executar a primeira fase 

Unir Poio con Pontevedra mediante unha senda pola costa está máis preto de ser unha realidade. As concellerías de Urbanismo e Obras e Servizos, que dirixen dende o grupo local do PSOE Gregorio Agís e Chelo Besada, iniciaron recentemente contactos cos veciños da zona de Lourido que teñen en propiedade os terreos nos que se levarán a cabo as obras da que será a primeira fase do proxecto, co obxectivo de acordar a súa cesión. Neste sentido, tal e como confimou Agís a este medio, esta primeira fase da senda abarcará o treito que se estende dende o remate do paseo de Lourido, na antiga conserveira, ata Saíñas, onde se ubica un entrante cara a ría que será habilitado como mirador.

Unha ou varias fases posteriores do proxecto, "aínda por definir", darán continuidade á senda coa idea de "seguir o paseo ata Pontevedra". A marcha destes traballos dependerán da "viabilidade dos terreos" pero, tal e como explicou o edil socialista, unha vez executada a primeira fase ata Saíñas, os traballos posteriores conectarán o novo tramo con Portosanto e, dende aí, a senda decorrerá polo interior do municipio ata o parque de Ánkar. O tramo interior faise necesario debido á "proximidade das casas á costa". Unha vez que a senda chegue a Ánkar, levarase ata Pontevedra en paralelo á autoestrada AP-9, para enlazar coa senda fluvial da Boa Vila.

Aínda que non existe un prazo definido para a conexión de Poio con Pontevedra mediante as vindeiras fases da senda proxectada, Agís recalcou que "estamos en negociacións con Fomento".

"A idea é seguir o paseo ata Pontevedra, pero a marcha destes traballos dependerán da viabilidade dos terreos"

O plan para conectar Poio con Pontevedra mediante unha senda pola costa vai da man de diversas actuacións que xa se levaron a cabo no municipio, como o sendeiro A Seca-Campelo ou O Laño-Covelo, e outros como o que Urbanismo proxecta a través do plan Plan ReacPon, impulsado pola Deputación de Pontevedra, que no caso de Poio pretende humanizar e reactivar espazos públicos na parroquia de San Salvador para impulsar a mobilidade sostible en núcleos como Portosanto, Saíñas e A Puntada, cun orzamento de máis de 900.000 euros e un prazo de catro meses de execución, e para o que xa se solicitaron fondos á Deputación, cun aporte do 20% por parte do Concello.

PRIMEIRA FASE. O tramo da senda ata Pontevedra que conecta Lourido con Saíñas é "o máis sinxelo do proxecto", polo que será o primeiro en executarse. As obras supoñen a cesión de 15 porcións de terreo propiedade dos veciños da contorna, para acondicionar un camiño xa existente que decorre por territorios veciñais de propiedade privada, e que pasarían a ser de titularidade municipal para poder levar a cabo as obras, coas que o camiño gañaría amplitude e accesibilidade, ademais do debido acondicionamento e sinalización.

Segundo explicou a presidenta da asociación de veciños de Lourido, Josefa Moreira, o proxecto goza do consenso veciñal maioritario, polo que nas vindeiras semanas poderase continuar avanzando cos trámites precisos para o comezo das obras, cun orzamento que, segundo estimou o edil de Urbanismo, "rolda os 80.000 euros", a falta de "definir o proxecto".

"Esta fase é unha mellora moi importante para Lourido, que beneficiará aos veciños cun novo lugar onde pasear"

No caso do mirador proxectado, estará situado nun saínte rochoso xa coñecido pola veciñanza do lugar, e que se sitúa ao final do tramo que contempla a primeira fase da senda. Neste sentido, o espazo quedaría debidamente acondicionado coa correspondente sinalización.

Dende a asociación veciñal de Lourido valoraron "moi positivamente" a primeira fase da obra que afecta á zona, e puxéronse á disposición das Concellerías para "colaborar no que poidamos. É unha mellora moi importante que beneficiará aos veciños, cun novo lugar polo que pasear", salientou a presidenta.

A execución deste proxecto supón o saneamento de moitos dos espazos da fachada costeira poiense, ademais dunha variante de ocio para a veciñanza. Nos últimos anos, ademais dos 1,8 quilómetros da senda entre Campelo e a Seca, habilitáronse outros 4,5 ata Lourido, ademais da senda que transcorre paralela á praia de O Laño, que conta con 1,2 quilómetros de extensión.

Poio reactiva o proxecto da senda costeira que unirá o municipio...
Comentarios
ç