jueves. 15.04.2021 |
El tiempo
jueves. 15.04.2021
El tiempo

Poio recoñece o labor dos servizos e departamentos fronte á covid-19

Representantes das entidades na Casa Consistorial. CONCELLO
Representantes das entidades na Casa Consistorial. CONCELLO
O alcalde e a edil de Seguridade Cidadá entregaron un obsequio a entidades coma a Policía Local, Protección Civil ou o SAF

O labor dos servizos, departamentos e entidades municipais de Poio foi, ao longo do 2020, "moi importante e necesario", motivo polo cal, co peche do ano, o Concello non quixo deixar pasar a oportunidade de recoñecer a valía das tarefas desempeñadas por entidades coma a Policía Local, Protección Civil, Servizos Sociais ou o Servizo de Axuda no Fogar, coa entrega dun obsequio na Casa consistorial, e á espera de "poder realizar un acto institucional": 

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, e a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, foron os encargados da entrega aos representantes de diferentes departamentos destas áreas do Concello. "Non queriamos rematar o ano sen antes recoñecer e poñer en valor o labor que levan desempeñando estas entidades e departamentos, así como o persoal municipal e os funcionarios, desde que comezou a pandemia, traballando en primeira liña polo benestar da nosa veciñanza e estando a carón de quen o precisaba", explicaron. No caso da Policía Local, Caldas Moreira lembrou que o corpo "está compaxinando as súas tarefas habituais no que a vixía e controis se refire con outras actuacións, como a entrega de máscaras a aqueles colectivos e profesionais máis expostos". O Concello mostrouse orgulloso da implicación e esforzo dos integrantes e Protección Civil que "levan meses realizando tarefas moi importantes e necesarias, como a entrega de alimentos ou a recollida de lixo a domicilio a persoas infectadas, de xeito totalmente altruísta".

Pola súa banda, o persoal de Servizos Sociais tamén foi recoñecido por, entre outras razóns, seguir pendente "das necesidades das nosas persoas maiores, que son un dos colectivos que máis están a padecer as consecuencias da pandemia". 

Poio recoñece o labor dos servizos e departamentos fronte á covid-19
Comentarios
ç