Poio recuperará ao 100% os desfiles e citas do Entroido

O Concello prepara un programa sen sombra das restricións do 2022
Disfraces con máscara 2022. GONZALO GARCÍA
photo_camera Disfraces con máscara 2022. GONZALO GARCÍA

O Concello de Poio quere "recuperar por todo o alto" a programación do Entroido para este ano, dado que poderá retomar todos os fitos que esta festa tiña no calendario cultural do municipio antes das restriccións da pandemia. Entre outros eventos, recuperarase o circuíto tradicional do desfile, partindo da Praza da Granxa de Campelo e chegando á explanada situada na Seca, nas inmediacións do CEIP Isidora Riestra.

Así o confirmou a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, que tamén avanzou que nesta edición haberá un incremento nos premios do concurso no que, como xa é habitual, poderán participar veciños e veciñas de xeito individual, por grupos ou por parellas.

Rodríguez mantivo unha reunión con representantes dos colectivos e asociacións que, grazas á súa implicación, "fan que Poio conte ano tras ano cun dos Entroidos de referencia na provincia de Pontevedra".

A edil agradeceulle o esforzo realizado nos dous anos anteriores á hora de impulsar alternativas que "permitiron manter vivo o espírito do Entroido en Poio, a pesar da imposibilidade de poder celebrar o desfile e os enterros. Coa súa implicación e interese xurdiron propostas telemáticas ou adaptadas ás restricións que tamén foron un éxito, dentro dese contexto tan especial".

Hai que lembrar que no primeiro ano da pandemia se suspenderon todos os eventos e que no segundo, o 2022, en vez de desfiles, Poio contou con festas baixo carpa, na Seca e distintos concursos.

O contido do programa deste ano será público en vindeiras datas, pero os colectivos e os particulares xa poden ir preparándose para que o gran desfile terá lugar o domingo 19 de febreiro, con saída do núcleo de Campelo ás 17.00 horas. Desde aí, a comitiva circulará por un tramo da PO-308 e accedendo pola Seara a través da Cuarta Travesía, ata as inmediacións do CEIP Isidora Riestra.

A concelleira salienta "as gañas e o ánimo que nos transmite o tecido asociativo do noso municipio" á hora de recuperar as celebracións habituais do Entroido. "Poio sempre contou cunha das programacións máis extensas e variadas da bisbarra e, grazas á implicación e ao interese dos colectivos, nesta ocasión poderemos volver a gozar con este festexo tan arraigado", celebrou a edil.

Comentarios