Poio reformará o local de A Reiboa para covertelo nun espazo 'coworking'

'Poio Crea' contará con cinco oficinas, espazos colectivos, de reunión, exposicións e aulas de formación ►Promoción Económica agarda que estea operativo a comezos do vindeiro ano
A simulación da iniciativa propón un deseño industrial. DP
photo_camera A simulación da iniciativa propón un deseño industrial. DP

A Concellería de Promoción Económica fará realidade o primeiro espazo coworking municipal de Poio. Trátase dun proxecto que, baixo o nome de Poio Crea, e da man da asociación de comerciantes En Poio pretende impulsar "sinerxias xunto coa asociación, nun espazo colaborativo, no que é importante que os diferentes colectivos do noso concello do ámbito empresarial ou comercial estean implicados", así o explicou o edil responsable do proxecto, Gregorio Agís, quen tamén indicou que a iniciativa parte dunha proposta feita polo alumnado durante o proxecto Senda. Para facela realidade, o local de A Reiboa será obxecto dunha profunda remodelación interior, co obxectivo de adaptar os espazos, cun orzamento que rolda os 154.000 euros.

Neste sentido, segundo explicou Agís, o proxecto está pendente da autorización sectorial e xa foi remitido. De feito, conta xa coa dotación económica necesaria para levalo acabo, a través do Plan Concellos da Deputación e dunha partida do remanente de tesourería do pasado ano, que se recupera este exercicio para destinalo a esta fin.

A presentación da iniciativa tivo lugar durante a mañá deste martes no Casal de Ferreirós. GONZALO GARCÍA
A presentación da iniciativa tivo lugar durante a mañá deste martes no Casal de Ferreirós. GONZALO GARCÍA

Segundo aclarou Agís, "no momento en que teñamos as autorizacións sectoriais procederemos a licitar o proxecto, e entendemos que é moi probable que despois do verán se inicien os traballos, como é a idea. A obra non é especialmente complexa, e o prazo de execución non debería ir alá dos cinco ou seis meses". Así, a concellería prevé que a comezos do vindeiro ano 2023 as instalacións poidan estar operativas.

"Creamos esta idea aproveitando unhas dependencias infrautilizadas no entorno da Reiboa para albergar esta instalación. Trátase dun entorno onde xa hai formación, e completarémola con este espazo xa máis vencellado ao emprendemento, participando no deseño do futuro de Poio dende esta perspectiva de emprendemento e económica, con estratexias de posta en valor dos recursos económicos do noso municipio. Queremos xerar un espazo onde os emprendedores poidan atopar e crear sinerxias con diferentes iniciativas para promocionar Poio", salientou o edil de Promoción Económica.

"Queremos xerar un espazo onde os emprendedores poidan atopar e crear sinerxias con diferentes iniciativas para promocionar Poio"

DÚAS PLANTAS. O proxecto de reformulación do espazo contempla dúas plantas pensadas para redeseñarse cun criterio de durabilidade dos materiais, e distribuídas entre cinco oficinas, zona para coloquios, exposicións, sala de reunións e espazos para o traballo colectivo, con todos os materiais necesarios dispoñibles para a súa utilización, como é o caso de teléfonos e outros compoñentes.

Se ben, polas características do espazo, tal e como indicaron dende En Poio e Promoción Económica, agárdase que se presenten proxectos que teñan que ver coa actividade de oficina e as tecnoloxías, o espazo está dispoñible para emprendedores de calquera idade. "Isto está pensado para acompañalos nos primeiros tempos mentres non medran, e logo terán que voar sós", salientou Agís. Deste xeito, Promoción Económica elaborará un documento que recolla os requisitos de acceso a este novidoso espazo municipal.

Comentarios