viernes. 28.02.2020 |
El tiempo
viernes. 28.02.2020
El tiempo

Poio reformará o Pazo de Besada con 450.000 euros da Deputación

Pazo de Besada. DP
Pazo de Besada. DP
O proxecto, incluido no Plan Concellos 2020, dotará ao espazo dunha área para Servizos Sociais, salas de lectura e estudo, despachos e o Centro de Información á Muller

O Concello de Poio reformará o Pazo de Besada a través do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra, cun presuposto de aproximadamente 450.000 euros. O Concello decidiu incluir este proxecto entre as actuacións a impulsar a través desta liña de axudas que vén promovendo cada ano o Goberno provincial desde hai xa case cinco anos.

O tripartito, formado polo Bloque Nacionalista Galego (BNG), PsdeG - PSOE e Avante Poio, xa ten redactado o proxecto, que será remitido á Dirección Xeral de Patrimonio para que reciba o visto e prace, segundo informou o Goberno local. Este é un requisito indispensable para facer realidade a actuación, que figura no pacto de goberno asinado polas tres formacións de esquerdas o pasado mes de xuño.

Coa mellora destas instalacións, situadas na parroquia de San Salvador, o Goberno local quere facer realidade neste mandato o traslado de gran parte dos servizos que se concentran na Casa Rosada, unha das metas que se marcou o Concello. Aínda que actualmente o Pazo de Besada acolle diferentes iniciativas formativas e lúdicas, coma as impulsadas pola Concellería de Xuventude, dende o Concello aseguran que a actuación "servirá para mellorar a oferta".

O PROXECTO. O primeiro andar é o espazo máis enfocado ao lecer e ás necesidades da veciñanza. O Concello contempla habilitar alí unha sala de lectura, que completaría o servizo que presta a biblioteca municipal situada en Campelo, así como unha aula de estudo, que estaría operativa en horario de mañá e de tarde, ademais das fins de semana.

A pesar disto, o Goberno prevé que a Casa Rosada continúe a ser un referente para o ocio dos veciños e veciñas de Poio. Estas dependencias municipais seguirán albergando actividades e, ademais, abrirase á veciñanza a posibilidade de solicitar o emprazamento para albergar reunións, obradoiros ou cursos. O Goberno local asegurou que, no sucesivo, estudará a posibilidade de habilitar alí locais de ensaio, dos que aínda se descoñecen as condicións e características.

A Casa Rodada continuará a ser un referente para o ocio, e haberá posibilidade de solicitar salas para reunións e actividades

Na planta baixa do reformado Pazo de Besada, segundo contempla o proxecto, habilitarase unha área para Servizos Sociais, que incluirá espazos adicados ás persoas maiores, e nos que terán a oportunidade de participar en diferentes actividades, nunhas instalacións que, previsiblemente, estarán acondicionadas para este fin.

Na mesma pranta, habilitaranse despachos administrativos, e tamén será o emprazamento que acolla o Centro de Información á Muller.

O novo primeiro andar do Pazo de Besada. DP

O novo primeiro andar do Pazo de Besada. DP

OUTRAS ACTUACIÓNS. O pasado mes de outubro os operarios tiveron que intervir na urbanización de Pazo de Besada para erradicar unha praga de ratas, despois de que a veciñanza alertara ao Concello. En xullo, o Concello abordou a reforma da contorna do emprazamento, co obxectivo de que os usuarios e usuarias puideran gozar do Pazo de Besada tamén durante as horas do anoitecer, e incluso en condicións de mobilidade reducida. Por iso, procedeu á dotación do espazo de farolas e iluminarias novas, e ao soterramento de todo o cableado para crear unha iluminación máis acaída para o entorno e tamén para os edificios existentes no recinto. A colocación das farolas permitiu que o espazo contara cunha iluminación xeral e a nova entrada lateral no recinto facilitou a acesibilidade ás persoas con cadeira de rodas.

A finca de Besada recuperou o aspecto que presentaba durante o século XX grazas a unha actuación levada a cabo hai arredor dunha década. A recuperación do entorno abordou reformas en catro inmobles da finca e nunha das doce casas de bonecas que quedaban en pé, e que estaban dispersas polo terreo. O primeiro acondicionamento do xardín tamén se levou a cabo ao mesmo tempo que a reforma das edificacións, no que foi o primeiro paso cara a recuperación dun emprazamento que a veciñanza cada vez está máis preto de gozar plenamente.

Poio reformará o Pazo de Besada con 450.000 euros da Deputación
Comentarios