Poio remata o mes de agosto mantendo o 70% de ocupación hoteleira

O índice de pernoctacións da primeira quincena foi similar ao da segunda, a pesar do empeoramento das condicións meteorolóxicas
Turistas en Combarro. CONCELLO
photo_camera Turistas en Combarro durante os últimos días.

O sector hoteleiro de Poio logrou manter unhas cifras altas no actual contexto sanitario a nivel de ocupación acadada durante a primeira quincena do mes de agosto. Os datos recollidos pola Concellería de Turismo constatan unha ocupación mensual do 70%, a mesma cifra que a rexistrada ata o día 15. A titular deste departamento, Silvia Díaz, salienta a relevancia deste dato, xa que "o ano pasado, nun contexto moito máis favorable que o actual, o índice de pernoctacións entre o 15 e o 31 de agosto foi do 75%, polo que non estamos a falar dunha baixada demasiado acusada". A edil de Avante Poio celebra que o "esforzo realizado polos profesionais servira para manter unha actividade notable, máxime tendo en conta a evolución da pandemia, ademais do empeoramento da meteoroloxía durante as últimas dúas semanas, nas que se rexistraron varias xornadas de choiva".

Tal e como reflicten os datos achegados polo departamento de Turismo, establecementos como as casas rurais foron os que acadaron un maior índice de reservas, unha tendencia que se mantivo durante practicamente toda a tempada estival. "Hai casos de negocios que chegaron ao 97% de ocupación, cando as previsións iniciais falaban dun 70%", indica Silvia Díaz, que, unha vez máis, salientou o esforzo realizado polo sector para consolidarse durante este verán "atípico" como un destino seguro para os e as visitantes que escolleron Poio para as súas vacacións. "O feito de que os niveis se mantivesen durante os días de peor tempo tamén demostra que o interese turístico do noso municipio vai máis alá do calor e do sol, grazas á nosa riqueza patrimonial, medioambiental e gastronómica", apunta a titular de Turismo.

TURISMO. Segundo os datos de visitas ás oficinas de información, estas dependencias prestaron servizo a máis de 4.300 persoas, a práctica totalidade das cales (un 98%) proviñan doutros puntos de España. Madrid, Euskadi, Castela e León e Andalucía encabezan o ranking de procedencias. Ao igual ca no resto do verán, foi o turismo nacional o que sostivo a actividade do sector, dadas as dificultades á hora de realizar viaxes longas que se están a producir por mor da crise sanitaria. De feito, a caída de visitas de persoas foráneas cifrouse nun 80%, pasando das 375 de 2019 ás 76 actuais.

Aínda así, as oficinas asesoraron a estranxeiros procedentes de países como Francia, Italia ou Portugal, ademais de Venezuela, México e Ecuador. A maioría das xestións (4.102) desenvolvéronse na oficina situada no núcleo de Combarro. Destacan tamén as 114 persoas que visitaron a Casa Museo de Colón, en Portosanto, durante a segunda quincena de agosto (183 en total), mentres que no Casal de Ferreirós atendéronse a 98 visitantes. A todos eles hai que engadir os 18 peregrinos que selaron a súa acreditación na Casa Consistorial.

A concelleira recoñeceu que "se ben as cifras globais non son malas, dado o contexto actual, de non terse producido esta pandemia poderiamos estar falando dun verán histórico para Poio". Neste sentido, a estimación que facía a principios de ano o Instituto Galego de Estatística (IGE), cifraba en 3.179 as prazas hoteleiras que estarían operativas no municipio durante este verán, superándose, deste xeito, as 3.000 prazas por primeira vez nos últimos anos. "A incidencia da covid-19 provocou que non todos os locais ficasen operativos tal e como adoitaba a ser habitual no verán", sinala Díaz, que achaca o crecemento do número de prazas a factores como o incremento de vivendas para uso turístico desde hai algo menos dun lustro.

As oficinas de turismo permanecerán abertas nas vindeiras semanas, e a Casa de Colón ata finais de outubro, "en favor da desestacionalización" do turismo.

Comentarios