Poio rematou o ano marcando un teito histórico de 17.230 habitantes

O municipio consolidou en 2017 os seus máis de 17.000 habitantes e reafírmase como un lugar de "atractivo para a cidadanía"
undefined
photo_camera O municipio conta cunha alta cifra de poboación menor de 44 anos. DP

Poio pechou o ano 2021 acadando un novo teito histórico no que ao número de persoas empadroadas se refire. Segundo reflicten os datos actualizados polo Instituto Nacional de Estadística (INE) con respecto á anualidade recentemente finalizada, o municipio conta con 17.230 habitantes.

De todos eles, 8.684 corresponden a mulleres e 8.546 a homes. Tal e como lembrou o alcalde, Luciano Sobral, esta é "unha cifra nunca acadada ata o de agora, polo que estamos moi satisfeitos".

O anterior tope data de 2019, cando se rexistraron no Padrón 17.082 habitantes, por riba dos 17.073 de 2020. Esta suba con respecto ao ano anterior é de 157 novas altas. Deste xeito, Poio convértese no concello da bisbarra de Pontevedra que experimenta un maior crecemento poboacional.

Trátase, ademais, da segunda máis alta que se produce na última década. Tanto é así, que para atopar unha marca mellor hai que remontarse ao ano 2011. Naquel intre, Poio pasou a contar con 16.501 habitantes, o que supuña 192 máis con respecto a 2010 (16.309).

O terceiro incremento máis importante da historia recente do municipio rexistrouse en 2018 e, precisamente, serviu para que a vila superase por primeira vez a barreira dos 17.000 habitantes.

Entón, o crecemento foi de 147 persoas, pasando de 16.871 a 17.018. Se se comparan os datos co resto de concellos da comarca pontevedresa, o incremento no número de persoas empadroadas é moi desigual.

Soutomaior, con 76 altas, é o que máis próximo se queda con respecto ao incremento experimentado en Poio. Se a comparación se extrapola a outros concellos próximos, só Sanxenxo experimenta cifras mellores (+221), tal e como destacaron dende o Goberno local.

Municipios como Pontevedra, Vilagarcía ou Marín, de maior tamaño que Poio, rexistraron unha perda de habitantes, situación que tamén se produciu noutras localidades como Campo Lameiro, Barro ou A Lama, afirmaron dende o Concello.

Así, o feito de consolidarse por riba dos 17.000 habitantes non é a única cuestión que salienta o Goberno municipal, xa que este forte impulso acadado en 2021 vén a apuntalar unha tendencia de crecemento que se vén repetindo de xeito moi regular ao longo de practicamente todo o século XXI.

Tanto é así, que só en 2017 e 2020 se rexistrou unha baixada no padrón, tratándose, en ambos casos, de cifras moi reducidas (9 e 30 habitantes menos, respectivamente). No ano 2001, Poio contaba cun total de 14.291 persoas empadroadas, o que se traduce nun aumento de máis do 22% desde o comezo de século.

Se a comparación se extrapola aos últimos 25 anos o incremento aínda é maior, tendo en conta que en 1995 a poboación de Poio quedou fixada en 13.756 persoas.

Esta tendencia, culminada coa última actualización do INE, confirma "o interese" que desperta o municipio. "Vivimos nun concello dinámico, que non deixa de medrar e que é un referente", sinalou o alcalde Sobral, qun lembrou que que Poio é un concello "xove", cunha alta porcentaxe de habitantes menores de 44 anos.

Comentarios