Poio renova o seu escaparate turístico cunha web que "está á altura do sector"

A dirección turismodepoio.gal xa se atopa en funcionamento, cun amplo catálogo de lugares de interese e empresas ► A estratexia integra un paquete de posicionamento SEO
A edil de Turismo, Silvia Díaz, presentou a ferramenta respaldada polo sector hosteleiro. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera A edil de Turismo, Silvia Díaz, presentou a ferramenta respaldada polo sector hosteleiro. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Espectaculares imaxes en movemento dos recursos naturais do municipio son a tarxeta de benvida á nova web de Turismo de Poio, un espazo que aglutina, de principio a fin, todos e cada un dos espazos a visitar, empresas hoteleiras, restaurantes e, en definitiva, calquera información interesante para o turismo. Turismodepoio.gal é o nome deste espazo web sobre o que a concelleira de Turismo, Silvia Díaz, non dubidou este venres, o día do seu lanzamento, en manifestar que "está á altura da importancia do noso sector turístico".

Na liña de traballo que a Concellería dirixida por Díaz vén marcando dende hai un tempo, de cara a profesionalizar o sector no municipio, este espazo significa, tal e como asegurou, "un gran escaparate de todos os atractivos que ten" Poio. Atractivos que, vistos en conxunto, non desmerecen aos de outros lugares turísticos da contorna, tal e como quedou patente durante a presentación da web, que conta co respaldo do sector turístico do municipio, que tivo representación na cita a través da asociación de Hosteleiros de Poio e do programa Descubre Poio.

A edil de Turismo estivo tamén acompañada por representantes da empresa Trivium, responsable desta actualización, na que o Concello investiu uns 12.000 euros máis IVE a través dun concurso ao que concorreron catro entidades. "Con este novo portal de turismo melloramos de xeito notable a nosa competitividade no mercado dixital", afirmou Díaz, en referencia á estratexia "SEO on page - off page", que permitirá acadar un mellor posicionamento en buscadores e que facilitará o incremento de visitas, que repercutirán directamente nos negocios vencellados ao sector. Ademais, no sucesivo difundiranse cinco vídeos promocionais a través das redes, que porán de relevo varios lugares do municipio.

Tambo como novidade

Entre as diferentes propostas incluídas no apartado Cultura e Patrimonio, a nova web inclúe xa a Illa de Tambo, que dende hai poucos meses xestiona o Concello de Poio, e que proximamente será habilitada para acoller unha programación de visitas, cuxo modus operandi será incluído no espazo. Neste sentido, tal e como explicou a Concelleira, a web "está preparada para estar en constante crecemento e acoller novos contidos. É un espazo vivo e dinámico, que actualizaremos de maneira periódica", asegurou.

Tres idiomas, calendario de eventos, mapa interactivo ou ligazóns directas aos establecementos, entre as características destacadas

De feito, turismodepoio.gal vai máis alá da achega de datos e información de interese para usuarios e usuarias. Un dos principais avances que presenta é que todos os contidos atópanse, ademais de en galego, en castelán e en inglés, o que supón un paso máis á hora de captar e fidelizar ao público internacional, mentres que outra característica a destacar é que se poderá acceder mediante o uso de calquera dispositivo, incluídos smartphones.

O espazo incorpora, ademais, ligazóns directas aos espazos web dos establecementos hosteleiros, un mapa interactivo, e permite localizar exactamente diferentes puntos turísticos de difícil acceso. Rutas de sendeirismo, praias, patrimonio histórico ou calendario de eventos lúdicos completan unha oferta que pretende "dinamizar o sector".

Comentarios