Poio repartirá 750 exemplares de 'Tan Preto' entre os escolares

Trátase dun volume didáctico escrito por Tamara Andrés e ilustrado por Marcos Viso que ten como eixo as vivencias do confinamento
2020092017210951100
photo_camera A presentación da obra no Centro Cultural Xaime Illa, cos dous autores e a edil de Cultura. RAFA FARIÑA

A concelleira de Cultura e Educación poiense, Raquel Rodríguez, presentou no Centro Cultural Xaime Illa, na parroquia de Raxó, o proxecto educativo e cultural Tan Preto, no que participan a escritora Tamara Andrés.

Con esta publicación, ideada e proxectada desde este departamento municipal de Cultura, o Concello aspira a ofrecer ás crianzas de Poio unha ferramenta de traballo para desenvolver, en chave positiva, a experiencia vital pola que pasaron os cativos e cativas nos meses de confinamento decretado pola expansión da Covid-19.

Os textos elaborados por Tamara Andrés, e ilustrados polo ourensán Marcos Viso, están pensados para ofrecer "un reforzo psicolóxico positivo para os nenos e nenas, e unha ferramenta coa que poidan traballar as súas emocións e expresen como se sentiron durante este tempo", indicou Raquel Rodríguez.

A edil subliña que o proxecto inclúe tamén un vídeo explicativo, con ferramentas didácticas coas que traballar nas aulas. "Queremos que Tan Preto sexa un agasallo, máis que merecido, para o alumnado de Poio, pola valentía, esforzo e actitude que están a amosar desde que comezou esta pandemia", indicou.

Rodríguez Alonso explicou que se repartirán 750 exemplares nos centros de ensino de Poio. Ademais, tamén haberá varias unidades dispoñibles na Biblioteca Municipal, en Campelo. A edil nacionalista tamén salientou o labor feito pola empresa local Gráficas Anduriña, encargada de realizar o maquetado e a impresión dos contos, ao tempo que agradeceu o papel da escritora e do ilustrador. Tamara Andrés, pola súa banda, engadiu que "desde o momento no que a Concellería nos trasladou esta idea, tanto para man como para Marcos Viso foi unha honra poder impulsar este proxecto".

A escritora de Combarro indicou que unha das peculiaridades esta obra é que "os textos e as ilustracións compleméntanse, pero tamén teñen o seu significado por separado", e desexou que os pequenos e pequenas do municipio, poidan empregar Tan Preto para rescatar as aprendizaxes positivas que tiveron durante a etapa do confinamento.

Comentarios