Poio repartirá máis de 6.000 euros en premios nos concursos do Entroido

O desfile celebrarase o día 19 de febreiro e o prazo para inscribirse estará aberto entre o 6 e o 15 do mesmo mes
Participantes no último desfile de Entroido en Poio, en 2022. R. FARIÑA
photo_camera Participantes no último desfile de Entroido en Poio, en 2022. R. FARIÑA

Xa hai datas para os desfiles e citas de Entroido en Poio e bases para os premios cos que o Concello enxalzará a imaxinación e atrevemento dos participantes nesta edición. Así o anunciou a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, que subliñou que este ano se repartirán máis de 6.000 euros en premios nos distintos concursos.

O principal deles será o concurso do Desfile de Entroido, que terá lubar o domingo 19 de febreiro seguindo o percorrido que tiña tradicionalmente antes da pandemia. O prazo para inscribirse neste desfile abrirase o 6 de febreiro e permanecerá operativo ata o 15 do mesmo mes.

Haberá premios para os mellores disfraces de adultos (maiores de 15 anos) e nenos (ata 14 anos), que poderán acudir como disfraz individual, en parellas ou grupos. Ademais, como é tradición en Poio, tamén haberá premios especiais para Choqueiros e Animación.

O Concello sinala que esta edición do Entroido, cuxa programación será presentada en vindeiras datas, será unha das máis especiais, por supoñer o retorno á normalidade logo de dous anos marcados polas restricións derivadas da situación sanitaria. Un dos grandes alicientes será o incremento dos premios en metálico. A contía total ascende a máis de 6.500 euros, o que supón un aumento de máis do 40% con respecto a 2020, na que foi na última edición que se puido celebrar o formato tradicional.

O Concello premiará ós tres primeiros clasificados de cada subcategoría, se ben no caso dos grupos de adultos haberá galardóns para os 8 mellores, desde 800 a 100 euros. No caso das parellas, o reparto será de 210, 160 e 120 euros, respectivamente, mentres que na subcategoría individual levarán 70, 120 e 75 euros.

A contía total dos premios ascende a máis de 6.500 euros, o que supón un aumento de máis do 40% con respecto a 2020

Os disfraces das crianzas obterán 120, 105 e 70 euros, mentres que no caso das parellas o reparto queda en 160, 120 e 75 euros. Os tres mellores grupos levaranse 250, 205 e 160 euros. Para os choqueiros e Animación, serán 200 euros para os primeiros clasificados, 155 para os segundos e 110 para os terceiros.

O xurado estará presidido pola titular de Cultura e contará con integrantes da Comisión Municipal de Educación, Cultura e Deportes. A inscrición de grupos deberá realizarse a través da Sede Electrónica do Concello, mentres que individuais e parellas poderán facelo tamén a través desta ferramenta telemática ou presentando a documentación no Rexistro Xeral, en horario de 8.30 a 14.30 horas, de luns a venres. Nestes dous últimos casos, existe a opción de anotarse in situ na Praza da Granxa o propio día do desfile, entre as 15.30 e as 16.00 horas.

Comentarios