Poio resolveu máis de 300 incidencias grazas aos avisos a través da Liña Verde

Dende o ano 2016 a veciñanza ten a posibilidade de dar parte destas circunstancias ao Concello a través dunha aplicación ou na web municipal
Un operario municipal reparando unha incidencia. CEDIDA
photo_camera Un operario municipal reparando unha incidencia. CEDIDA

A Liña Verde de Poio, posta a disposición da veciñanza para dar parte de avarías ou incidencias, pechou o 2021 cun éxito de resultados. Así, máis de 300 incidencias foron solucionadas ou arranxadas ao longo do ano, grazas a unha ferramenta que acaba de cumprir un lustro activa no municipio, e que está plenamente asentada entre os veciños e veciñas. As cifras de actuacións, tal e como valoraron dende o Concello, son boa mostra diso.

Segundo consta no resumo anual elaborado polos responsables de Liña Verde, a meirande parte das incidencias rexistradas tiveron que ver con solicitudes de arranxo do alumeado público (un 14% do total), seguidas por cuestións vencelladas a peticións de retirada de lixo (11%). A reparación de beirarrúas ou limpeza de restos de maleza (9%) tamén figuran entre as demandas máis realizadas, que se completan con outras cuestións como o arranxo de mobiliario urbano, actuacións en zonas verdes, parques e xardíns ou cuestións referidas a tráfico e mobilidade.

O Goberno local lembrou que, dende a súa instalación, a través deste dispositivo resolvéronse máis de 1.200 incidencias, o que supón unha porcentaxe moi superior ao 90% das demandas e avisos achegados pola cidadanía. Os dirixentes municipais fixeron fincapé na importancia e necesidade da implicación veciñal, xa que "estas alertas facilitan moito a detección de necesidades por parte dos operarios municipais, algo que resulta indispensable nun municipio cunha dispersión xeográfica tan grande como Poio".

Para poder facer uso da Liña Verde é preciso instalarse a pertinente aplicación nos dispositivos móbiles, algo que é totalmente gratuíto. Unha vez habilitado, o programa permite a usuarios e usuarias acceder acceder a un espazo específico para deixar constancia da incidencia. Inclúese, asemade, a opción de adxuntar unha imaxe. Unha vez se dá resposta á demanda, a persoa que se puxo en contacto recibe un aviso de que dita incidencia foi solucionada. Ademais, tamén é posible facer uso deste servizo a través da páxina web Lineaverdepoio.com. Precisamente, na páxina web do Concello de Poio existe unha ligazón que ofrece aceso directo a este espazo.

Comentarios