Poio retoma a súa campaña de doazón de xoguetes ‘Ningunha crianza sen sorriso’

Ata o 2 de decembro pódense entregar xoguetes en bo estado na Casa Rosada ► Os destinatarios serán familias menos favorecidas do concello
As entregas de 2020 chegaron a preto de 100 cativos. ADP
photo_camera As entregas de 2020 chegaron a preto de 100 cativos. ADP

Co paso de ecuador do último trimestre do ano, o Concello de Poio engraxa os motores para a programación e actos de Nadal, un dos momentos nos que maior relevancia toma o traballo de varias das súas concellerías. Unha delas, o departamento de Servizos Sociais, xa traballa a pleno rendemento para estas datas, ao por en marcha unha nova edición da campaña Ningunha crianza sen sorriso

La edil de Benestar Social de Poio, Rosa Fernández. DP
A edil de Benestar, Rosa Fernández. DP

Esta iniciativa solidaria, tal e como indican desde a Concellería de Benestar "é xa é un clásico en Poio nas semanas previas á chegada do Nadal". A idea é recadar xoguetes de segunda man para o seu posterior reparto entre as crianzas das familias con menos recursos económicos. "Desde sempre esta proposta funcionou moi ben, grazas á axuda desinteresada de moita xente, e confiamos en que nesta ocasión a campaña volva a resultar un éxito, porque para nós o maior dos agasallos é conseguir que estes nenos e nenas poidan pasar esas datas tan especiais cun sorriso", explica a concelleira de Benestar Social e Mocidade, Rosa Fernández.

As doazóns xa se poden realizar na Casa Rosada desde este mércores. O prazo permanecerá aberto ata o vindeiro 2 de decembro para dar tempo aos voluntarios e membros deste departamento a clasificar e preparar axeitadamente os agasallos.

O único que se requiren á hora de facer entrega dos xoguetes e que estes se atopen nun bo estado e estean limpos. Recolleranse de luns a venres, en horario de 9.00 a 14.00 horas polas mañás e de 17.00 a 21.00 horas polas tardes. As persoas interesadas en colaborar que teñan dúbidas sobre como facelo, poderán obter máis información chamando ao 986872401 ou enviando un correo electrónico a [email protected].

Preto de 100 cativos

A concelleira de área lembra que en 2021 se repartiron xoguetes entre máis de 80 rapaces e rapazas de diferentes idades. "Facemos un chamamento á veciñanza para que, unha vez máis, se implique nesta iniciativa solidaria", apunta a responsable de Servizos Sociais, que lembra que en edicións anteriores recibíronse doazóns non só de residentes en Poio, senón tamén noutros concellos da contorna. 

Ademais, a edil de Benestar Social e Igualdade confirma que nesta ocasión o Concello volverá a contar coa colaboración altruísta de Silvia Ramírez, da Sociedade Cultural e Deportiva (SCD) Samieira, que será a encargada de realizar o empaquetado dos agasallos. 

"Agradecemos moito a súa implicación e esforzo, realiza un labor imprescindible para que esta campaña sexa un éxito", apunta Fernández González. Unha vez finalice a recollida e a preparación dos agasallos, o persoal de Servizos Sociais encargarase de realizar o seu reparto nas datas previas ao Nadal

Vodas de ouro:  Volve a homenaxe aos matrimonios máis lonxevos
Por outra banda, Benestar Social recuperará, tras dous anos de ausencia pola pandemia, o acto de homenaxe a todas aquelas parellas e matrimonios do municipio que celebran os seus 50 anos xuntos. A cita terá lugar o vindeiro domingo 27 de novembro.

"Xa temos localizados aos matrimonios que se casaron hai 50 anos en Poio, pero facemos un chamamento a parellas que leven moitos anos vivindo no noso municipio por se queren participar". Para iso, deberán contactar bo 986872401 antes do 11 de novembro.
 

Comentarios