Poio retomará a desescalada das escolas deportivas co fútbol

Os nenos e nenas poderán voltar a entrenar ao aire libre na segunda quincena de xaneiro, sempre que as condicións sanitarias o permitan
Nenos nun encontro na zona da Seca, antes da crise sanitaria. R. FARIÑA
photo_camera Nenos nun encontro na zona da Seca, antes da crise sanitaria. R. FARIÑA

O vindeiro mes de xaneiro darán comezo algunhas das disciplinas das Escolas Deportivas de Poio que, por mor da situación derivada da COVID-19, aínda non puideron iniciar. Modalidades como fútbol, tritatlón ou ximnasia rítmica xa iniciaron a actividade de competición, pero non contan coas escolas deportivas. A titular deste departamento, a nacionalista Marga Caldas, explica que «a nosa intención é que as sesións, que estarán adaptadas as medidas de seguridade e protocolos establecidos polas federacións, comecen durante a segunda quincena de xaneiro». A temporada prolongaríase ata finais de xuño, sempre e cando o contexto sanitario así o permita.

En fútbol, os adestramentos das diferentes categorías terán lugar de martes a venres, no campo da Seca maioritariamente. Prebenxamín, Benxamín 8, Alevín 8, Alevín 11, Infantil A e B, Cadete e Xuvenil son as categorías que poderán voltar aos entrenamentos. A liga Biberón quedará suspendida, así como os adestramentos dentro das instalacións para facilitar unha mellor coordinación e seguridade coas actividades xa iniciadas. Varias das disciplinas das Escolas Deportivas comezaron en novembro, baixo un estrito protocolo de seguridade que, por exemplo, fai que se aposte por sesións sen contacto ou co uso da máscara. No caso de que se producise algún contaxio, o xeito de proceder será seguindo un protocolo idéntico ao que se aplica nos centros educativos cando se detecta algún positivo.

«O deporte é seguro se todos e todas cumprimos coas medidas. Por iso, ao igual que xa se fai noutras modalidades, apostarase por adestramentos sen contacto, sen vestiarios e non se permitirá o acceso de persoas as instalacións municipais que estarán pechadas», explica Marga Caldas.

Comentarios