Poio rexistra a segunda media de idade máis baixa da comarca de Pontevedra

Segundo o Instituto Galego de Estadística, a media de idade é de 43,69 anos  O 31% da poboación local atópase entre 20 e 44 anos
Grupo de persoas, de idade moza,
photo_camera Grupo de persoas, de idade moza, camiñando polos paseos de Lourido, en Poio. DAVID FREIRE

O concello de Poio presenta unha das poboacións máis mozas da provincia pontevedresa. Tal e como recompilou o Instituto Galego de Estatística (Ige), a media de idade do municipio correspóndese con 43,69 anos. Deste xeito, tan só un concello, o de Soutomaior, rexistra unha cifra máis rebaixada con 43 anos.

Neste sentido, conforme recolle a entidade autonómica, que dispón de datos actualizados que lle foron proporcionados a principios de ano, Poio sitúase "notablemente" por debaixo da media de toda Galicia, que está fixada en 47,48 anos. Ademais, tamén baixa ás correspondentes á provincial e comarcal, que ascenden a 45,88 anos.

Partindo dunha clasificación por concellos, Poio sitúase por diante de diversos municipios como son Pontevedra, con 44,38 anos; Barro, con 45,71 anos; Vilaboa, con 48,94; e Ponte Caldelas con 49,54 anos. Aínda máis lonxe, atópanse as cifras medias correspondentes a o Concello de A Lama, con 53,99 anos, ou ao municipio de Cerdedo-Cotobade, con 53,22 anos.

O Goberno local, liderado polo alcalde nacionalista Luciano Sobral, fai unha "valoración positiva" dos datos que se presentan, entendendo que "esta media vén a demostrar que Poio é un concello consolidado no que a crecemento e dinamización se refire". Os dirixentes municipais entenden que esta situación "é especialmente meritoria nun contexto no que a perda e o envellecemento da poboación están a ser, por desgraza, unha constante en Galicia".

Así mesmo, outras variables a considerar son tamén, por exemplo, a cuestión de que máis da terceira parte da poboación censada no municipio poiense presenta unha idade menor a 45 anos. En concreto, 5.316 persoas atópanse nun rango de idade que vai dos 20 aos 44 anos, o que equivalería ao 31% do total. Tamén hai que ter en conta que, entre a rapazada e a mocidade, cóntase con 2.631 cativos e cativas que teñen unha idade que abrangue dos 0 aos 15 anos.

Pola súa banda, o Concello de Poio rexistrou, ao longo do primeiro semestre do ano 2021, preto de 60 altas por novos nacementos. Deste xeito, de seguir un ritmo similar ao actual, superaríase a cifra acadada en 2020 que se correspondía con 106. Porén, o equipo de Goberno local comprométese a seguir apostando por medidas e iniciativas que axuden e contribúan a consolidar esta tendencia, que tamén repercuten no aumento progresivo de poboación que, no último lustro, consolidouse por riba dos 17.000 habitantes.Así, iniciativas como o "Plan Activa 21", cooperan para dar un impulso á actividade e dinamización do tecido económico para axudar á súa recuperación e, máis especialmente, trala crise derivada da pandemia da covid-19.

Comentarios