sábado. 04.07.2020 |
El tiempo
sábado. 04.07.2020
El tiempo

Poio sacará a licitación o proxecto de mellora da contorna do núcleo da Seara

Núcelo da Seara en Poio. CEDIDA
Núcelo da Seara en Poio. CEDIDA
A actuación, anteriormente adxudicada á empresa Nexia Infraestruturas, terá un orzamento de arredor de 324.000 euros

A Comisión de Urbanismo celebrada este martes no Concello de Poio aprobou o modificado do proxecto correspondente á mellora da contorna do núcleo da Seara, na parroquia de San Xoán. Trátase dunha actuación que no seu día fora adxudicada á empresa Nexia Infraestruturas, que, se ben chegou a realizar boa parte da actuación, cesou a obra, sen previo aviso nin xustificación, a principios deste ano, o que motivou que en febreiro se tramitase a rescisión do contrato.

Deste xeito, o Concello xa está traballando para volver a sacar a licitación canto antes o proxecto, que pasará a contar cun orzamento superior aos 324.000 euros e ao que se lle inclúen melloras engadidas. Este é o caso, por exemplo, da rede de saneamento. A pesar de que se atopa nun bo estado, óptase por engadirlle un sistema de manga, que garantiza o seu bo funcionamento de cara aos vindeiros anos. Tamén se contemplan novas reparación nas pontes da zona. Cómpre lembrar que esta humanización lévase a cabo para mellorar tamén o estado do firme, que pasa a ser de pedra. Segundo os cálculos dos técnicos municipais, a día de hoxe está completado aproximadamente o 80% da obra.

Tal e como lembra a tenente de alcalde, Chelo Besada, o proceso administrativo para reactivar estes traballos tivo que permanecer en suspenso durante varios meses, por mor da situación de crise sanitaria e do estado de alarma.

VIAL DA CAEIRA. A intención do Goberno local tamén pasa por sacar a licitación canto antes a obra correspondente á construción do novo vial da Caeira, que foi outra das actuacións que Nexia non chegou a completar.

No caso da obra do vial da Caeira, trátase dunha rúa de 100 metros de extensión, que conectará os viais Río Umia e Río Sil. A actuación foi tamén adxudicada hai varios meses a Nexia cun orzamento que superaba os 100.000 euros.

O proxecto inclúe a dotación de novos servizos, e tamén a construción dunha beirarrúa e a instalación de luminarias en toda a zona. Os técnicos municipais calcularon no seu momento que tan so se completara o 30% desta actuación.

Poio sacará a licitación o proxecto de mellora da contorna do...
Comentarios