Poio solicita 2,5 millóns en fondos para reinventarse como destino turístico

Turismo e Promoción Económica presentaron o Plan de Sostibilidade de cara aos Next Generation
Representantes do sector e do Concello, onte, xunto ao chef Xosé Cannas, de Pepe Vieira. DAVID FREIRE
photo_camera Representantes do sector e do Concello, onte, xunto ao chef Xosé Cannas, de Pepe Vieira. DAVID FREIRE

Gañar en modernización, competitividade, dixitalización e sostibilidade son os catro eixos a través dos que Poio pretende dar un paso de xigante cara a súa reinvención como destino turístico, e que pretende conseguir mediante o Plan de Sostibilidade Turística en Destinos, impulsado polas concellerías de Turismo e de Promoción económica, da man dos profesionais do sector, optando a dúas liñas dos fondos Next Generation, unha autonómica e outra a nivel estatal, cunha contía que rolda os 2,5 millóns de euros.

A iniciativa foi presentada este venres no Casal de Ferreirós, e está amparada polos grandes expoñentes da gastronomía do municipio: os Estrela Michelín Pepe Vieira e Casa Solla. Dende o segundo restaurante, o chef Xosé Cannas, definiu o momento como "unha oportunidade gloriosa. Creo que ao concello fáltalle un impulso definitivo, unha actuación desta embergadura para ter notoriedade. Hai concellos que van por outro camiño, pero nós debemos preservar o que temos aquí", manifestou.

O Plan, que busca implementar en Poio unha imaxe de marca propia, co fío conductor da enogastronomía, aspira a facer realidade diferentes iniciativas, consensuadas co sector, para poñer en valor a dualidade mar-montaña coa que conta Poio. Así, unha vez que se obteñan, os fondos estarán dirixidos a diferentes actuacións como a mellora ou habilitación de novas sendas polo litoral ou espazos naturais, como é o caso do Roteiro dos Muíños de Cela, homologación de sendeiros, e reforzo da sinalización de puntos de interese, así como, máis concretamente, a habilitación de bicicletas eléctricas con puntos de recarga, adecuación de edificios turísticos para eventos gastronómicos, oficinas de turismo intelixente e, a nivel de promoción, sacar adiante iniciativas como a creación do Club do Produto Gastronómico, a organización dun evento internacional gastronómico e outro vencellado á cultura do viño no Mosteiro, ademais da difusión entre blogueiros e expertos do sector.

Para levar a cabo estas iniciativas, a concesión dos fondos será determinante, se ben o edil de Promoción Económica, Gregorio Agís, mostrouse optimista ao respecto. "Partimos dunha posición vantaxosa con respecto a outros competidores xa que Poio ten experiencia en fondos europeos, temos moito traballo feito e cremos que nos permitirá acceder a eles", asegurou, destacando ademais que o obxectivo é "non só atraer turistas en xullo e en agosto, senón crear unha atracción nos meses onde non é tan sinxelo".

Pola súa banda, a tenente de alcalde e edil de Turismo, Silvia Díaz, salientou que o Plan é "unha oportunidade única para consolidarnos como destino turístico de referencia e como motor económico, de emprego e de riqueza. Este documento ten en conta todas as cuestións que están enraizadas coa nosa maneira de vivir".

Proposta destacada
Un barco eléctrico para surcar a ría
Unha das propostas máis curiosas do Plan consiste na posta en funcionamento dunha embarcación eléctrica sostible e accesible que faría a ruta Raxó-Covelo-Combarro-Campelo e Pontevedra, coa posibilidade de achegarse á illa de Tambo, e que ademais incluiría unha degustación. Segundo o Plan, está valorada en 150.000 euros.

Comentarios