Poio terá cinco novas sendas litorais operativas no prazo de dous anos

Urbanismo prevé iniciar as obras en 2024, comezando por A Seca-Combarro, cuxo proxecto xa está validado  O paseo Pontevedra-Lourido permitirá a mobilidade dende As Correntes
                      Gregorio Agís reuniuse coa Dirección Provincial de Costas.
photo_camera Gregorio Agís reuniuse coa Dirección Provincial de Costas. DP

O ano 2025 é a data estimada que fixa a Concellería de Urbanismo e Promoción Económica de Poio para culminar a construción de cinco novas sendas litorais que servirán para vertebrar o municipio, incentivar o turismo e facilitar a mobilidade peonil, e que se sumarán a outras tres xa existentes. As xoias da coroa, que unirán os trazados Pontevedra-Lourido e A Seca-Combarro (ata a pria de Padrón), son actualmente as máis avanzadas na tramitación, que se atopa na fase de validación dos proxectos en Madrid.

No caso de A Seca-Combarro é, dos cinco proxectos, o que xa se atopa validado técnicamente e, polo tanto, tal e como estima o edil responsable, Gregorio Agís, todo apunta a que será a primeira obra que se acometa. No caso de Pontevedra-Lourido, o proxecto vén de enviarse para a súa validación definitiva tras un axuste.

En calquera caso, tal e como confirmou Agís ao ser preguntado por este xornal, a previsión é que as obras comecen o vindeiro ano 2024, e que no prazo de dous anos estén completados os cinco trazados das novas sendas, ás que, ademais das mencionadas, engádense o trazado Covelo (Samieira)-Chancelas (1.586 metros), unha zona de paso que unirá a praia de Sinás (Raxó) coa PO-308 (270 metros), e unha actuación proxectada na senda circular que arrodea a Illa de Tambo, de máis de 2.000 metros de lonxitude.

En total, as cinco actuacións, que se tramitan conxuntamente, pero que se desenvolverán en función dos avances técnicos e de dispoñibilidade dos terreos por separado, articulan todo o frente litoral do municipio en 8,5 quilómetros, conectándoo coa veciña Pontevedra.

No caso da senda Pontevedra-Lourido, chegaría desde o núcleo da Puntada ata Lourido para, a continuación, estenderse ata a Ponte das Correntes, cun trazado de 3.500 metros en total. No caso de A Seca-Combarro, que é a máis sinxela de desenvolver a nivel de dispoñibilidade dos terreos ao contar cun trazado menor, conta con máis de 1.000 metros de lonxitude, e daría continuidade á xa existente entre A Freixa e o areal da Ostreira, en Campelo.

A pesar disto, tal e como sinalou Agís, que se reuniu esta semana con técnicos da Dirección Provincial de Costas para analizar o proxecto, "o de combarro é un fronte marítimo moi degradado, polo que regularizar iso e axustar todas esas aliñacións tan complexas é moi importante".

Ademais, o proxecto permitirá que "A Seca pase a funcionar coma un satélite de Combarro, quedando conectadas ambas zonas, cun proxecto que tamén ten a dimensión de aliviar o estacionamento en Combarro, ao permitir a mobilidade a pé".

Neste sentido, para o edil de Urbanismo, esta actuación permitirá "abrir a costa ao uso da veciñanza e dende a perspectiva ambiental permite manter os frentes limpos, porque actualmente hai zonas inaccesibles onde se van acumulando restos que trae o mar. Tamén regulariza o frente costeiro, e é bo para as propias vivendas, tendo tamén un aspecto de promoción turística e revalorización do territorio, articulando o municipio Moita xente tardaría en chegar dun núcleo a outro andando 30 minutos por interior e pola senda litoral accede en 10 minutos. Para moitos traslados poderíase prescindir do coche", garantiu.

2,5 millóns dos fondos Next Generation
O investimento total para desenvolver este proxecto ascende a uns 2,5 millóns de euros que se financiarán integramente a cargo de fondos europeos Next Generation, que permitirán avanzar na disposición das sendas xa realizadas a través do ministerio, como é o caso do trazado Laño-Covelo, xunto ao que actualmente está operativo un proxecto que conectará o Roteiro dos Muíños coa senda do Laño, cuxas obras comezan esta semana.

Tamén está xa executada a senda A Seca-Campelo e o paseo marítimo de Lourido, coa súa senda e un pequeno camiño, polo que a zona pasaría a quedar accesible dende Pontevedra ata Combarro.

Comentarios